O Torneo Cidade de Vigo de baloncesto 3x3 dará visibilidade a esta modalidade "que cobra corpo", di Abel Caballero
O alcalde de Vigo presentou a primeira edición do Torneo Cidade de Vigo de baloncesto 3x3, outra iniciativa da Fundación Vigo en Deporte (VIDE) por encargo do Concello. O vindeiro 30 de decembro, venres, o polideportivo de Navia acollerá partidos de catro categorías (minibásquet, infantil/cadete de primeiro ano, cadete de segundo ano/xuvenil e sénior).
Acompañado do concelleiro de Deportes, Manel Fernández, e por directivos e xogadores do Baloncesto Seis do Nadal, que se encargará da loxística do evento, e do CD Amfiv de baloncesto en cadeira de rodas, o rexedor celebrou esta iniciativa: "O baloncesto 3x3 está a cobrar moito corpo".
Pola mañá, desde as 10:00 horas, competirán dezaseis equipos de minibásquet e división infantil/cadete de primeiro ano. Pola tarde, ás 16:00 horas, as outras dúas categorías, todas mixtas. A organización permitirá un máximo de 64 equipos e 320 xogadores e xogadoras (equipos de cinco compoñentes) e por experiencias anteriores, auguran que se cubrirán todas as prazas.
Catro canastras dedicaranse á competición, mentres que outras dúas servirán para que os equipos que descansen, xoguen e coñezan o baloncesto en cadeira.
Caballero, que lembrou a similitude do 3x3 con "as pachangas de baloncesto", apuntou que este deporte é "moi entretido pola súa velocidade" e dirixiuse ao Baloncesto Seis do Nadal para incidir en que Vigo "debe de ter un equipos no máximo nivel", como ocorre co Amfiv no baloncesto en cadeira de rodas.