O Concello verifica mediante un simulacro a resposta de emerxencia no túnel de Lepanto
O alcalde explicou este venres en rolda de prensa que, antes da recepción das obras, é preciso comprobar o funcionamento da seguridade da nova infraestrutura para poder dar o visto bo ao Plan de Autoprotección da mesma.
O goberno de Vigo debe aprobar e comprobar o Plan de Autoprotección na nova infraestrutura, antes de recibir oficialmente a obra, polo que este venres realizou un simulacro no interior do túnel que se iniciou co incendio dun vehículo e que funcionou “á perfección”. A medida é necesaria para poder abrir o túnel ao tráfico o vindeiro 12 de decembro.
Tal e como explicou, o implicado no incidente activa a alarma utilizando un dos postes SOS existentes no túnel, a chamada chega á central de comunicacións da Policía Local, que avisa da emerxencia ao 112 e ao servizo de Bombeiros, e ao mesmo tempo despraza as unidades que resulten pertinentes para que avalíen as primeiras medidas de auxilio ás vítimas e de control do tráfico da contorna. Ao mesmo tempo, entra en funcionamento a Policía Local a través do aviso da Sala de Control de Tráfico. O incidente detéctase, de forma automática, polos dispositivos electrónicos existentes, o que dá maior seguridade, e así é como se activa a emerxencia, a través do cable de detección de incendios e o software de xestión do túnel que se executa de forma automática.
Póñense en marcha entón varias medidas: a máxima intensidade da iluminación do túnel en toda a súa extensión, activación simultánea da iluminación de emerxencia, activación do panel de información variable do tráfico existente na intersección de Urzáiz-Lepanto coa mensaxe de "túnel pechado", aceso do panel do túnel na boca de entrada ao mesmo co sinal de aspa-frecha en vermello que indica a prohibición de entrada, a galería de evacuación activa un sistema de presurización impedindo a entrada de fume na mesma e, como elemento de peche de seguridade, báixase automaticamente a barreira existente na propia entrada do túnel.
O alcalde incidiu no sistema de seguridade do túnel que dispón en toda a súa extensión de cámaras de vixilancia que gravan as 24 horas do día, todos os días do ano, baixo a supervisión da Sala de Tráfico e da Policía Local. As propias cámaras dispoñen dun software que detecta automaticamente situacións tipo preestablecidas como son os accidentes, a presenza de peóns, os vehículos parados ou obxectos na calzada, que, no caso de que se produza, xeran un aviso na Sala de Tráfico para que no seu caso se active o plan ou plans pertinentes. En canto se comunica a emerxencia, a Policía Local emitirá mensaxes cara ao interior do túnel (megafonía) ordenando aos ocupantes o seu desaloxo e poñendo en marcha a actuación dos Bombeiros do Parque de Teis que deben chegar en 6 ou 7 minutos.