Escoitar

Caballero anima á cidade a acadar os 15.000 participantes na San Silvestre, que regresa tres anos despois

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, convidou esta mañá á cidadanía para participar na nova edición da San Silvestre solidaria, prevista para o sábado 31 de decembro, con saída e chegada na Porta do Sol, na súa confluencia coa rúa Elduayen.

mércores, 7 dec 2022
O alcalde e patrocinadores da carreira durante a rolda de prensa deste mércores
O alcalde e patrocinadores da carreira durante a rolda de prensa deste mércores

“A carreira vai ser distinta. Saíase dende Areal, pero hai que recuperar a Porta do Sol e arrincará dende alí”, sostivo o rexedor. Será o primeiro gran acto deportivo no reformado quilómetro 0 da cidade.

A última carreira do ano planea un percorrido de 4 quilómetros que tocará dezaseis rúas, algunhas delas tamén no circuíto deseñado en 2019, pero agora xustamente en dirección contraria. Coa meirande parte do percorrido chairo (Policarpo Sanz, García Barbón, Rosalía, Areal, Marqués de Valladares ou Cánovas del Castillo), Caballero destacou que en Carral “unha costa abaixo vén ben na carreira” e advertiu sobre o tramo final: tras subir Mestre Mateo e baixar Teófilo Llorente, tocará ascender á meta polas rúas Real, Méndez Núñez e Misericordia. “Hai que subir un pouco, a cousa aí ponse un pouquiño dura”, indicou.

O alcalde recoñeceu que “este ano o imos a petar máis que nunca”, pediu aos participantes que se inscriban e recollan o seu dorsal no Decathlon do Parque Comercial Meixoeiro (quen así o faga estará asegurado) e lembrou que a inscrición será unha vez máis gratuíta. “Aos mil primeiros que o sábado, antes da San Silvestre, depositen o seu paquete de comida recibirán un gorro de Papá Noel”, apuntou. Así, un ano máis, a proba, non competitiva, espera varias toneladas de alimentos non perecedoiros para que o Banco de Alimentos os poida distribuír entre os máis necesitados. Dende 2015 a 2019 a San Silvestre recolleu unhas 18 toneladas.

Abel Caballero felicitou ás empresas que apoian o evento (Decathlon, Máis que Auga, Coca-Cola, Gadis, Hyundai Hyupersa Vigo, Frutas Nieves e Avanza Vitrasa), presentes na rolda de prensa, do mesmo xeito que o concelleiro de Deportes, Manel Fernández. Tamén asistiu Camilo Pais, presidente da Federación de Peñas Recreativas El Olivo, encargada de decidir os premios aos mellores disfraces de grupo e individuais.

O xefe do goberno vigués, que anunciou que a carreira seguirá tendo o lema "Vigo de récord", marcou outro reto para esta edición, tres anos despois da última: “Queremos chegar a 15.000 participantes”. En 2019 o asfalto vigués recibiu a algo máis de 12.000 persoas no “meirande evento lúdico-deportivo do ano en Vigo”, recoñeceu Caballero.

O alcalde e patrocinadores da carreira durante a rolda de prensa deste mércores
Cartel da San Silvestre de Vigo 2022
Descargar todas as imaxes