O Concello reparará o talude do CEIP Igrexa Valladares ante a inacción da Xunta
O alcalde advertiu hoxe de novo da necesidade de reparar o muro de peche do CEIP Igrexa Valladares, cuestión da que xa foi informada a Xunta en dúas ocasións. En todo caso e para evitar que esta situación se prolongue, Caballero anunciou que será o Concello o que asuma esta reforma de xeito subsidiario para evitar un “eventual problema”.
O alcalde avanzou esta mañá a vontade municipal de reparar de forma subsidiaria o muro de peche do CEIP Igrexa Valladares, dada a inacción da Xunta á que o Concello xa notificou en dúas ocasións o perigo de derrubamento que presenta o talude. Tal e como explicou o rexedor, o pasado 7 de novembro o goberno local trasladou á Consellería de Educación o informe redactado por técnicos municipais sobre o estado actual do talude. Nese envío incluíuse o informe redactado por arquitectos municipais en 2021, documento que xa fora enviado o 29 de xaneiro de 2021, sen obter resposta ata o de agora.
O informe ao que a Consellería nunca respostou di textualmente: “En consecuencia, considerase que as actuacións encamiñadas a solventar este problema e evitar futuros desprendementos que poidan ter un maior alcance pasan necesariamente por dar continuidade á solución de muro de contención, ben sexa mediante a prolongación dun muro de gravidade similar ao existente ou ben ca construción dun muro de contención en formigón armado, de xeito que se poida garantir a estabilidade do talude en toda a súa lonxitude”.
Segundo indicou o rexedor, que visitou o centro recentemente, e como medida preventiva, o Concello xa perimetrou a zona para garantir a seguridade e, de xeito subsidiario, reformará o muro ante a deixadez da Xunta que nunca se molestou nin tan sequera en dar resposta aos requirimentos municipais.