Vigo súmase á celebración do Día Europeo sen coches promovendo o transporte público
O alcalde informou das accións que desenvolverá o goberno municipal no marco da Semana Europea da Mobilidade: mañá xoves, 22 de setembro, serán gratuítas as lanzadeiras ao campus universitario e o autobús turístico.
A cidade participa estes días na conmemoración da Semana Europea da Mobilidade que, impulsada pola Comisión Europea e apoiada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, se desenvolve baixo o lema “Mover persoas e mercadorías de forma máis sostible”.
Tal e como sinalou o rexedor en rolda de prensa, entre as accións previstas, este xoves 22 de setembro, Día Europeo sen coches, e co obxectivo de fomentar o uso do transporte público serán gratuítos os autobuses lanzadeira das liñas U1 e U2 que conectan a cidade co campus universitario, durante toda a xornada.
Amais o autobús turístico tamén será mañá de balde para as persoas usuarias da tarxeta Pass Vigo, previa reserva en liña do billete. Haberá catro viaxes dispoñibles: ás 10, ás 12, ás 16:30 e ás 18:30 horas.