Escoitar

Chico César e o Trío Mocotó actúan en Castrelos

Chega o terceiro dos concertos do festival 'Para Vigo me voy', dedicado ás grandes figuras da música latina. Subirán este martes ao palco de Castrelos o roqueiro Chico César e mais o Trío Mocotó, historia viva da música popular brasileira dos últimos trinta anos.

luns, 28 xul 2003
1059389422directv2.jpg
Chico César
O concerto comezará ás 23:00 horas, no recinto de Castrelos. O prezo da entrada é de 5 € (anticipada) e 8 € (na entrada), sen asento.

MChico César é a estrela con maior proxección da música pop brasileira dende 1996. Algúns non dubidan en comparalo con Caetano Veloso pola súa poesía e o seu xeito de cantar, pero as súas excelentes e coloridas actuacións teñen máis dunha influencia do pop africano. O seu éxito radica en saber reunir o remuíño de ideas de Brasil, dándolles un formato universal.

Chico é un artista de Catolé do Rocha, unha pequena aldea do interior ao nordeste de Paraíba e pode ser considerado un étnico conectado, un nativo nun espacio ilimitado que intencionadamente se move entre Okinava e Aquidauana.

O trío Mocotó

Durante a década dos sesenta o mundo cambiaba rapidamente baixo o feitizo do rock and roll e a xeración hippie. No Brasil foron uns tempos politicamente difíciles, acompañados dunha enorme efervescencia na escena musical.

Nese contexto, un pequeno club de São Paulo, "O Jogral" reúne xornalistas, músicos, compositores, escritores, estudiantes e bohemios arredor da boa música. Alí, preto de Jorge Ben uníronse tres percusionistas: Nereu Gargalo á tamborina; Fritz Escovao á cuica e Joao Parahyba ao estraño instrumento chamado timba. Este movemento converteuse nunha marca persoal das sesións entre Jorge Ben e o novo trío e propiciu o nacemento dun novo estilo, que máis tarde foi coñecido como "sambarock".

Así, entre cancións de xogo e humor, grandes cantidades de improvisación e harmonías que oscilaban entre a bossanova e a música negra foi como xurdiu o Trío Mocotó que agora é redescuberto por DJ´s e productores de todo o mundo.
Descargar todas as imaxes