Escoitar

Javier Pardo sinala que unha sentenza avala a prórroga do contrato da auga de Vigo

Durante a súa intervención no Pleno Municipal celebrado este mércores, referiuse á recente sentenza ditada polo Xulgado do Contencioso- Administrativo nº2 de Vigo que inadmite o recurso presentado por unha empresa contra o acordo municipal de prorrogar o contrato de concesión da xestión integral do servizo da auga.

mércores, 7 set 2022
Javier Pardo durante a súa intervención no Pleno Municipal correspondente ao mes de agosto
Javier Pardo durante a súa intervención no Pleno Municipal correspondente ao mes de agosto

Tal e como expuxo o tenente de alcalde, a sentenza non se limita a inadmitir o recurso, senón que entra no fondo do asunto sinalando que “a prórroga ordinaria que se acordou é perfectamente lícita e conforme a dereito, e con isto debería concluír o preito”.

Javier Pardo reproduciu algúns dos argumentos que expón o maxistrado na sentenza e que xustifican a inadmisión do recurso e o aval á actuación municipal: “a partir desta consideración subscrita nin máis nin menos que por catro técnicos municipais, non calquera, senón con alta responsabilidade e cualificación” que realizan un informe técnico favorable á prórroga do contrato da concesión, que define como “capital” e que “non se confeccionou en dúas tardes” senón que é froito dun “intenso labor municipal” acometido “con exhaustividade en canto ás súas cifras” e que “recibe o visto e prace do departamento xurídico municipal incluíndo a motivación suficiente, real e necesaria para xustificar o acordo que se adoptou”.

Para o tenente de alcalde a sentenza é “contundente” e reproduce unha das partes da sentenza: “parécenos que a soa circunstancia da irrupción do COVID-19 nas nosas vidas, no noso mundo, no ano 2020, podería ser motivo bastante e suficiente para acordar unha prórroga como a discutida”. O texto refírese á prórroga como “razoable e acordouse razoadamente...” e lembra que “o patrimonio, a potestade de velar pola satisfacción do interese público, teno, recae, sobre a demandada” que é o Concello de Vigo que autoriza o Concello, unha decisión “adoptada ao abrigo da literalidade do contrato” que “prevé, posibilita de forma natural a prórroga que tanto incomoda e estraña á actora”.

Por último, Javier Pardo apuntou que a sentenza ditamina que “a prórroga é legal, é unha posibilidade contractualmente prevista, a demandada pode lexitimamente facer uso dela, seguindo o procedemento debido, como así foi, e a partir de aí, pouco máis hai que engadir”. Amais recolle que resulta “fácil colixir o prexuízo que automaticamente supoñería para o interese xeral atender á súa pretensión, ao quedar un servizo tan esencial como é o da prestación do servizo de auga, de forma integral, no limbo da contratación, por carencia de soporte que o regule”.

Abastecemento de auga

Ademais na sesión plenaria deste mércores, a Corporación aprobou a moción socialista na que se insta á Xunta de Galicia a asumir as súas competencias para garantir a captación dos recursos hídricos necesarios para asegurar o abastecemento da poboación e a actividade económica de Vigo e o sur da provincia de Pontevedra.

Apoio da Xunta ao transporte urbano de Vigo

O tenente de alcalde defendeu tamén a moción socialista que demanda ao goberno autonómico que poña en marcha unha liña de subvencións ao transporte público urbano de Vigo que posibilite minorar o custo do billete nunha cantidade complementaria ás establecidas polo Concello de Vigo e o Goberno de España, como mínimo 0,27 céntimos sobre o actual prezo de aplicación coas reducións xa aplicadas. O obxectivo é conseguir a recuperación definitiva que necesita o sector do transporte público e minorar a carga económica que supón á cidadanía o uso deste medio de transporte. A proposta socialista foi apoiada polo grupo mixto e recibiu os votos en contra dos populares e do concelleiro non adscrito.

Javier Pardo durante a súa intervención no Pleno Municipal correspondente ao mes de agosto
Descargar todas as imaxes