Escoitar

Vigocultura programa 29 funcións para tódolos públicos no segundo semestre do ano

O alcalde presentou este martes en rolda de prensa a “extraordinaria edición” que ofrece “cultura accesible” nos próximos meses con tres estreas mundiais e dúas estreas en Galicia.

martes, 6 set 2022
O alcalde e Abel Losada durante a presentación da programación
O alcalde e Abel Losada durante a presentación da programación

A programación municipal de artes escénicas Vigocultura bota a andar unha nova e “ambiciosa” edición que inclúe 19 espectáculos de diversas disciplinas, desenvolvidos por 19 compañías en 29 funcións e 27 días. Comeza o 23 de setembro e desenvólvese ata a última fin de semana de novembro con representacións no Auditorio Municipal, a rúa do Príncipe e a Praza do Rei.

O alcalde puxo en valor a “extraordinaria edición” deste semestre, que ten un orzamento de 150.000 euros, e sinalou que no primeiro semestre deste ano os espectáculos congregaron a máis de 10.000 persoas, acadando “un nivel de audiencia estable, o que supón un grande reforzamento de Vigocultura, que é unha creación deste goberno coa que apostamos por xerar este foco de radiación cultural e de actividade e ocio, con grande éxito, que rompe estereotipos sobre Vigo”.

Como é habitual, a programación está dirixida a todos os públicos con propostas de teatro, danza, circo, maxia e espectáculos para bebés. Nesta edición haberá 3 estreas mundiais e 2 estreas en Galicia, coa participación de 4 compañías viguesas, 2 portuguesas, 18 do resto de Galicia e 5 de fóra.

A principal novidade desta edición é a celebración dun espectáculo de danza ao aire libre na Praza do Rei: Technocracia da compañía Funboa Escénica, o venres 21 de outubro ás 20 horas. Ao aire libre tamén, será o primeiro espectáculo, o venres 23 de setembro, na rúa do Príncipe coa representación de “O estraño caso do dentista da rúa Brasov” da compañía viguesa Troula.

A programación para público familiar, “un dos grandes éxitos de Vigocultura”, desenvólvese os domingos ofrecendo maxia, monicreques, circo, danza e música, ademais dunha función para bebés

Esta é, como apuntou Caballero, a edición da volta á normalidade postpandemia, despois do esforzo realizado polo Concello durante a crise da Covid19 para paliar os seus efectos no sector, mantendo a actividade, na medida posible, dentro das restricións sanitarias.

A venda de entradas comeza este mércores, 9 de setembro, a través da web Giglon e a Librería Librouro e tamén poden adquirirse o día do espectáculo no despacho de billetes do Auditorio con prezos accesibles: os adultos entre 8 e 12 euros e 5 euros para o público familiar. Amais hai abonos para 5 e 10 espectáculos que acadan ata un 25% de desconto.

 

 

 

 

 

 

Descargar todas as imaxes