Escoitar

Concello e Universidade de Vigo asinan o convenio para o estudo do Plan de Axenda Urbana da cidade

Abel Caballero e Manuel Reigosa rubricaron o acordo entre ámbalas institucións que permitirá estudar os modelos de gobernanza multinivel e que culminará na creación dunha cátedra na Uvigo para transferir o coñecemento do proxecto.

luns, 5 set 2022
O alcalde e Manuel Reigosa tras asinar o convenio
O alcalde e Manuel Reigosa tras asinar o convenio

A través do convenio estudaranse os modelos de gobernanza multinivel en tres aspectos: modelos de gobernanza multinivel en procesos de planificación urbana, modelos de participación cidadá e gobernanza multinivel levados a cabo polo Concello en planificación estratéxica e territorial e o deseño de metodoloxía de gobernanza multinivel e de participación cidadá.

Tal e como recolle o texto, o Concello achega 42.000 euros e a Universidade dispoñerá un equipo multidisciplinar de profesorado que será os encargado de impulsar a creación dunha área de estudo sobre a Axenda Urbana de Vigo. Todo este traballo permitirá crear unha Cátedra sobre a participación e gobernanza na Axenda Urbana de Vigo, coa que se poderá transferir todo o coñecemento e experiencia do proxecto a outros ámbitos da cidade.

Vigo é unha das cidades piloto de Axenda Urbana e o alcalde valora a “importante oportunidade, unida aos fondos europeos, de facer converxer as políticas urbanas xa desenvolvidas, como os proxectos de humanización, de desenvolvemento deportivo, de viarios... coas políticas futuras, nunha cidade máis sostible, segura, inclusiva e resiliente”.

O convenio e os puntos de estudo que recolle enmárcanse na selección de Vigo como unha das cidades seleccionadas polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para elaborar proxectos piloto locais dentro da Axenda Urbana Española, para o que lle foron asignados 250.000 euros dos fondos do plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia -Fondos Next Generation UE. Con esta subvención, tal e como explicou o alcalde, desenvolveranse varios proxectos: a Axenda Urbana de Vigo, o Plan de Acción Vigo Human City, accións de comunicación da Axenda Urbana de Vigo, a creación dun Observatorio da Axenda Urbana de Vigo, un Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible de Vigo, o fortalecemento da cogobernanza multinivel e a adaptación destas políticas no novo Plan Xeral de Ordenación Municipal.

O alcalde e Manuel Reigosa tras asinar o convenio
Descargar todas as imaxes