Escoitar

Caballero di que "somos a cidade máis importante de deportes de mar" na presentación do Internacional Concello de Vigo de kaiak de mar, este domingo na ETEA

O Trofeo Internacional Concello de Vigo de piragüismo e vela comeza esta fin de semana e contará con tres probas (unha de piragüismo e dúas de vela) por cuarto ano consecutivo.

venres, 2 set 2022

O alcalde, Abel Caballero, presentou o evento acompañado polo concelleiro de deportes, Manel Fernández, os patrocinadores privados principais (Abanca e Gadis), ademais de federacións deportivas e clubs. O rexedor incidiu “no que significa de mobilización en relación co deporte de base e co de elite porque de aí sae o conxunto do deporte relacionado co mar”, dixo, para mostrarse convencido, polos resultados que acadan os deportistas, ao afirmar que “somos a máis importante cidade de deportes do mar do mundo”.

Caballero amosouse especialmente satisfeito “por esta cooperación co privado. "Valoro moito máis a confluencia que as cantidades económicas da confluencia. Gústame que esteamos todos, organizadores, empresas e Concello, no impulso da cidade. Vigo é tanto como sexamos na nosa economía, pero tamén como sexamos no noso deporte”, explicou.

E sobre esa mesma cuestión puxo o foco Walter Álvarez, director territorial de Abanca, que aplaudiu esta “iniciativa conxunta, e o subliño, porque en moitas ocasións o alcalde fai mención expresa a ser quen de que entre todos as cousas sucedan e creo que este é un exemplo de que as cousas suceden”.
Álvarez indicou que o Internacional de kaiak de mar deste domingo (11:00 horas, ETEA) “dará o pistoletazo de saída a tres meses de competición deportiva".
Os trofeos internacionais, integrados dentro da Semana Abanca (tres meses de vela, piragüismo e remo en varias cidades), mobilizarán este ano a uns 600 deportistas entre as tres citas. Estas probas, ademais, permitirán competir en casa aos clubs vigueses, o Club Piragüismo Olívico e Kaiak Vigo no caso do Trofeo Concello de Vigo de kaiak de mar, e ao Club Marítimo de Canido, Liceo Marítimo de Bouzas e Real Club Náutico de Vigo no da vela.

Este domingo, na ETEA, haberá uns 200 padeeiros das categorías cadete, xuvenil, júnior, sénior e máster. O 17 e 18 de setembro en Canido, coas Cíes de fondo, disputarase o Trofeo Concello de Vigo da clase láser (un tripulante), que será tamén Campionato Ibérico. Correrán os júnior (ILCA 4), a categoría olímpica feminina (ILCA 6) e a olímpica masculina (ILCA 7). E o 1 de outubro disputarase na ría, con saída fronte a Bouzas, o XVIII Trofeo Vila de Bouzas-Concello de Vigo de Cruceiros. A Real Federación Española de Vela aprobou que sexa o primeiro Campionato Ibérico de Cruceiros para dous e tres tripulantes (A2 e A3).


A organización está liderada polo Club Marítimo de Vigo, que contou coa asistencia da súa presidenta, Zulema Prado, acudindo tamén á rolda de prensa os presidentes de Marítimo de Canido (Mauro Olmedo) e Miguel Pereira (Liceo de Bouzas), así como o da Real Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde, entre outros asistentes.
Para rematar a rolda de prensa, Walter Álvarez, en nome da organización, facía entrega ao alcalde dunha réplica da moeda de ouro de 5 guineas acuñada pola Royal Mint, a Casa da Moeda británica, para celebrar en 1703 a Batalla de Rande. Nelas (foron vinte pezas) figura escrito o nome de Vigo ao pé do busto da Raíña Ana. 

Descargar todas as imaxes