Caballero pon a primeira pedra para a nova Escola Infantil en Praza da Industria
O alcalde participou no acto simbólico da primeira pedra da nova Escola Municipal Infantil de Praza da Industria, acompañado polos edís de Educación, Gorka Gómez, e Benestar Social, Yolanda Aguiar, ademais de técnicos municipais e da construtora. Este centro terá 47 prazas en dobre quenda e súmase ás nove escolas infantís xa en funcionamento.
Comezan as obras de remodelación para que Vigo sume unha nova Escola Municipal Infantil en Praza da Industria. O acondicionamento que se acometerá será na planta baixa e no soto do Instituto Municipal de Educación Miguel Servet, con un importe de licitación de 627.223 euros e un prazo estimado de obras de 4 meses. As actuacións inclúen a demolición da cuberta da zona de almacén existente, a tabiquería interior e desmonte das escaleiras existentes, un novo saneamento horizontal e nova división interior, a reparación de elementos de cuberta, a colocación de illamento e dunha cuberta de vidro no soportal de entrada, nova fontanería, baños, rede de calefacción, ventilación, electricidade e iluminación.
A nova escola infantil contará con aulas para os tres cursos: ata 1 ano, de 1 a 2 e de 2 a 3 anos e terá sala de usos múltiples, lavandería, comedor, despensa, cociña, despachos, sala de reunións, baño adaptado, aseos, almacéns e espazos exteriores para patio de xogos e lecer dos pequenos.
“Unha grande escola infantil nova, nun edificio novo”, manifestou o rexedor, que ofrecerá 47 prazas en dobre turno e que se suma ás nove escolas infantís de titularidade municipal: Atalaia- Teis, Bembrive, Bouzas, Mestres Goldar-Castrelos, Costeira-Saiáns, Navia, Santa Cristina-Lavadores, Tomás Alonso e a de Santa Marta-Casco Vello, que se pechará provisionalmente e volverá abrir cando se constrúa a nova no barrio do Cura. O próximo curso tódalas escolas infantís municipais serán 100% gratuítas, incluido o servizo de comedor, e pagadas na súa totalidade polo Concello que, amais, paga unha parte de tres escolas infantís que a Xunta de Galicia ten den Vigo.