O alcalde valora os 7,3 millóns de investimento na “gran humanización de Aragón”
Abel Caballero participou este luns na colocación simbólica da primeira pedra da sexta e última fase de humanización da rúa, que quedará completada nun prazo de seis meses.

En palabras do rexedor será “unha gran humanización que merecía a rúa cun estándar altísimo de calidade”, nun tramo de 310 metros que comprende a marxe esquerda desde o número 185 de Aragón ata o cruzamento con Travesía dos Rosais.
Caballero deu conta en rolda de prensa das actuacións que inclúe a sexta fase da humanización da rúa Aragón: a renovación de redes de saneamento e abastecemento, unha nova iluminación pública, sinalización e semaforización, a renovación de instalacións de xardinería e novo mobiliario urbano ou a renovación de pavimento e calzada.
Con esta sexta fase, o goberno municipal completa a humanización de toda a rúa sumando un investimento total de 7,3 millóns de euros.
Ademais, no marco do programa Vigo Vertical, o Concello ten licitado o ascensor que conectará Travesía de Vigo (á altura do 160) coa rúa Aragón, xunto á igrexa de Santo Cura de Ars, e unha rampla mecánica que conectará ata a rúa Aragón, salvando unha altura de 17 metros. O proxecto ascende a 1.600.000 euros polo que o “conxunto da acción” en Aragón acadaría os 9 millóns de euros.



