Escoitar

400 bailarinas subirán ao escenario de Castrelos o 16 de xullo con "Vai de danza"

A danza tamén formará parte das festas de verán de Vigo, cun gran espectáculo organizado o 16 de xullo en Castrelos. Trinta academias e grupos de baile e catrocentos bailaríns darán vida a un evento multidisciplinar que comezará ás 19,00 h.

venres, 8 xul 2022

O Concello inclúe este ano un gran espectáculo de danza dentro da programación das festas de verán. Vai de danza chegará a Castrelos o sábado 16 de xullo desde ás 19,00 ata ás 23,00 h con trinta academias e 400 bailaríns. Tal e como detallou o rexedor, 18 dos grupos de baile participantes son amateurs e 12, semiprofesionais.

Por outra banda, Caballero lembrou que esta mañá saíu á venda a reserva de entradas para seguir o concerto de Sting desde a platea de Castrelos. Cun prezo de 12 euros, as 1.500 que se lanzaron ás 10,00 vía telemática esgotáronse moi pronto. Ás 17,00 h poranse á venda outras 1.500, ás que hai que sumar outras 2.000 que se poden adquirir presencialmente. En total son 5.000 as localidades dispoñibles para gozar da música de Sting o sábado 6 de agosto.

O alcalde lembrou que o domingo actuará en Castrelos Joan Manuel Serrat, evento gratuíto con entradas en platea a 10 euros, unha cifra que contrasta coa actuación que o cantante catalán ofrecerá esta noite en A Coruña con prezos que oscilan entre os 45 e os 90 euros.

 

Descargar todas as imaxes