O Concello propón á Xunta un convenio que garanta prazos e orzamento para o instituto de Navia
O goberno local enviou á Xunta un novo convenio de colaboración para a construción do instituto de Navia completando o protocolo que enviou o goberno autonómico a finais do mes de abril. A carta dirixida hoxe a Alfonso Rueda inclúe un protocolo que compromete prazos e orzamento para garantir a obra.
O alcalde avanzou esta mañá o envío dunha carta ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para abordar a construción do instituto de Navia. Co obxectivo de garantir unha rápida posta en marcha desta dotación educativa, a misiva inclúe un borrador de convenio que vai máis aló de recoller a cesión dos terreos e, polo tanto, completa con prazos e orzamento a proposta que a Xunta remitiu ao Concello a finais do mes de abril.
Segundo o documento enviado hoxe a Alfonso Rueda, o Concello comprométese á poñer a disposición da Consellería de Educación os terreos ao día seguinte desde que a Xunta os ceda e, por outra banda, o goberno autonómico debe comprometerse á redacción do proxecto e á execución das obras no menor tempo posible. Con ese fin, o convenio establece unhas anualidades obrigatorias que permitirían que o centro educativo estea operativo no ano 2025. O importe da construción estaría fixado en 12 millóns, recollendo a cantidade que anunciou o propio conselleiro de Educación nunha visita a Navia.
O Concello xa enviara unha proposta de colaboración para a construción deste instituto hai dous anos, tal e como lembrou Caballero en rolda de prensa. A este respecto, engadiu que falta de investimentos da Xunta na cidade non responde nunca a que o Concello non facilitara terreos para tal efecto. Como exemplos, referiuse ao centro de saúde de Bouzas, que arrancou 11 máis tarde de que o Concello cedera os terreos no ano 2008, ou a cidade da Xustiza que ía ser construída na rúa Lalín, para a que o Concello expropiou solo por 3,5 millóns de euros que finalmente a Xunta non utilizou.
Axudas ascensores
O BOP publicou hoxe mércores a convocatoria para outorgar axudas para a mellora da accesibilidade e a eliminación de barreiras arquitectónicas en edificios residenciais colectivos, que ten un importe de 100.000 euros en dous anos. Tal e como explicou, o programa de achegas está pensado para aquelas vivendas que non dispoñen de ascensor e nas que residen persoas de idade. O Concello destinará 100.000 euros no período 2022-2023.
O importe máximo total a subvencionar por edificio residencial colectivo é de 3.000 euros para actuacións realizadas entre o 1 de xaneiro de 2022 e o 15 de outubro de 2023. A estas axudas poden acollerse actuacións de primeira instalación de ascensores, ramplas, plataformas elevadoras, varandas ou obras que teñan por finalidade salvar os desniveis existentes entre a beirarrúa e o portal ou entre o portal e o ascensor. Serán as comunidades de propietarios ou grupos de propietarios os que deben presentar as solicitudes tras a publicación no BOP da convocatoria.