Escoitar

A nova Ordenanza de Vehículos de Mobilidade Persoal entra en vigor en 15 días

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publica hoxe a norma coa que o Concello “quere garantir o uso adecuado dos espazos públicos para toda a cidadanía, regulando o uso dos VMP, de forma que prime a seguridade viaria, que é de capital importancia”.

mércores, 18 mai 2022
Abel Caballero amosa un gráfico que recolle algúns aspectos da nova ordenanza
Abel Caballero amosa un gráfico que recolle algúns aspectos da nova ordenanza

O alcalde explicou en rolda de prensa os principais aspectos do uso e circulación que recolle a nova Ordenanza Municipal Reguladora dos Vehículos de Movilidad persoal no Concello de Vigo que publica hoxe o BOPPO, logo de ser aprobada no Pleno municipal o pasado 27 de abril, e que entrará en vigor en 15 días.

“Queremos ter o máximo de seguridade viaria”, con esta norma, avanzou, que establece a obrigatoriedade do uso do casco e de elementos reflectores, cunha idade mínima de 15 anos para o manexo de VMP e a necesidade de contar cun un seguro de responsabilidade civil.

Caballero expuxo que os patinetes non poden circular por beirarrúas ou zonas peonís, de maneira que no caso do Casco Vello, no Centro histórico de Bouzas e nas rúas con prioridade peonil poden circular a velocidade non superior a 10km/h, reducíndoa a 5km/h cando se aproximen os peóns. Así, debe manterse unha distancia de metro e medio respecto dos peóns e, no caso de que non exista un paso seguro entre eles, o condutor de VMP deberá baixarse e empuxalo a pé apagado.

Segundo a nova ordenanza municipal os VMP poden circular polo carril-bici, pista-bici, sendas ciclables e beirarrúas-bici a velocidade non superior a 20km/h e poden circular pola calzada ou o ciclo-carril a velocidade máxima de 25km/h. Quedan excluídas á circulación as seguintes vías: Gran Vía entre Venezuela e Praza América, Av. Madrid en carrís centrais, Av. de Castelao, Av. de Beiramar, Av. de Clara Campoamor, Av. Arquitecto Palacios e Av. de Citröen. Tamén teñen permitida a circulación polo carril bus, a velocidade máxima de 25km/h.

Amais o condutor debe estar en todo momento en condicións de controlar o seu vehículo; o uso do patinete é unipersoal ou monopraza, non se permite circular con auriculares nin usar o teléfono móbil e deben estacionar en espazos especialmente destinado a eles e/ou en aparcamento de bicicletas.

 


O rexedor anunciou tamén o desenvolvemento dunha unha campaña informativa para explicar os principais aspectos que recolle a nova ordenanza porque “queremos seguridade e que a cidadanía coñeza ben o sistema e como funciona”.

 

Descargar todas as imaxes