O Concello amplía ata a medianoite a apertura da biblioteca do Auditorio Mar de Vigo
O alcalde explicou este mércores en rolda de prensa que o incremento da demanda de uso do espazo no período de exames leva ao goberno municipal a aumentar tres horas diarias o horario de funcionamento deste servizo.
“Esta é unha época de grande demanda e de exames” polo que a biblioteca do Auditorio Mar de Vigo amplía o seu horario de funcionamento desde este venres, 20 de maio, e ata o 15 de xullo. Así o horario de apertura, de luns a domingo, será dende as 9 da mañá ata as 00:00 horas da noite.
Ata o de agora a biblioteca permanecía aberta de 9 a 21 horas, polo que o goberno de Vigo aumenta o servizo tres horas máis cada día para dar máis facilidades ás persoas usuarias.
No caso do resto das bibliotecas, segundo sinalou Abel Caballero, mantense o horario establecido e “estaremos atentos á demanda”, para ampliar o servizo no caso de que fose preciso, co fin de dar o mellor servizo posible.
Cita con Rosalía no Auditorio Municipal
O rexedor informou tamén de que o Auditorio Municipal acollerá este próximo venres, 20 de maio, a representación de “Libre coma os paxaros”, unha obra na que a actriz María Barcala se converte en Rosalía de Castro.
En palabras de Caballero trátase dunha “obra excepcional, cun papelón da actriz”. O espectáculo poderá gozarse no Auditorio ás 20:00 horas con entrada libre ata completar aforo.