O Concello volve organizar un curso para formar ata 25 novos socorristas
Por segundo ano consecutivo, Vigo convoca un curso de capacitación para titulados en Actividade Física e do Deporte. No verán de 2021, dezaseis vacantes no servizo municipal de salvamento foron cubertas con socorristas habilitados polo Concello con este curso. A preinscrición, a próxima semana no 010.
“Facemos o noso segundo curso gratuíto de capacitación para exercer de socorrista”, explicou este mércores Abel Caballero, quen subliñou que “Vigo é un dos pouquísimos concellos que dispón de tantos socorristas como precisemos, porque ofrecemos unhas boas condicións de traballo e damos o paso da formación de socorristas, e unha parte destes vanse quedar como socorristas na cidade”.
O Concello oferta vinte cinco prazas para a segunda edición do “Curso de adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo en espazos acuáticos naturais”. O verán de 2021, Vigo cubriu as dezaseis vacantes do dispositivo municipal de salvamento en praias con persoal saído desta formación e, de cara á campaña estival deste ano, a previsión é contar con outros quince ou dezaseis postos libres máis, segundo avanzou o alcalde.
O prazo de preinscrición comeza este luns, 25 de abril, e continuará aberto ata o venres 29. Os interesados poden anotarse no 010, chamando entre as 8 e as 20 horas, e teñen que ter cursado a licenciatura ou o grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, ou o Ciclo de Técnico Superior en Animación de Actividades Físicas e Deportivas. Na asignación das prazas, o Concello prioriza aos empadroados en Vigo, coa posibilidade de incorporar a cidadáns doutros municipais en caso de haber vacantes.
Unha vez formalizada a inscrición, o alumnado deberá superar unha proba de natación con anterioridade ao inicio da formación. Esta terá lugar na mañá do 2 de maio, na piscina do Carme. Ese mesmo día pola tarde, e ata o 26 de maio, se iniciará unha fase docente presencial de setenta horas, con contidos e avaliacións de prevención e vixilancia, rescate acuático e primeiros auxilios. Por último, a terceira fase do curso contempla a realización de oitenta horas de prácticas nas praias, observando e aprendendo dos socorristas no seu día a día. Esta última etapa se desenvolverá na última quince de xuño, durante toda a xornada, no areal de Samil.