O goberno local adica máis de 300.000 euros a preservar e divulgar o patrimonio histórico de Vigo
Abel Caballero deu conta esta mañá da próxima aprobación de dous expedientes vinculados coa divulgación e o coidado do patrimonio histórico da cidade. Concretamente, o goberno local adicará 166.721,62 euros a labores de promoción e 143.852,03 euros nunha prórroga dun ano do contrato de mantemento de espazos.
A Xunta de Goberno local do próximo xoves aprobará a licitación do servizo de divulgación dos equipamentos municipais xestionados desde Patrimonio Histórico. Unha vez aprobado o prego de prescricións técnicas, o contrato parte dun importe de 166.721,62 euros e terá unha duración de catro anos.
Tal e como explicou o rexedor, o obxectivo é a prestación de servizos de promoción e divulgación do xacemento arqueolóxico do Castro, da Vila romana de Toralla e o Centro de Interpretación do Mundo Romano, ademais de Villa Solita. As empresas aspirantes terán que ofrecer atención e información ao público; realización de visitas guiadas presenciais; realización de visitas virtuais aos xacementos arqueolóxicos; actividades culturais e musicais en Villa Solita; actividade de recreación do mundo romano en Toralla; calquera outra actividade encamiñada a súa promoción e difusión; ademais da coordinación xeral dos servizos.
Continuando coa preservación dos espazos en Vigo, a goberno local tamén dará luz verde o xoves á prórroga do contrato do servizo de mantemento das zonas de interese patrimonial. Cun importe de 143.852, 03 euros e unha duración dun ano, este contrato permitirá seguir a manter en óptimas condicións os xardíns de Castrelos; os Muiños das Roteas; os Muiños de Maquías (Zamáns); Muiño do Severo; Villa Romana de Toralla; Pazo da Raposeira; vivendas castrexas do Monte do Castro; Petroglifo dos Mouros (Candeán); Petroglifo da Laxe (Castrelos); Finca Solita; Castelo do Castro e Castelo de San Sebastián.