O Concello de Vigo cede un local en Balaídos á Federación de Peñas do Celta
O alcalde e a directiva da entidade visitaron o espazo este mércores, día no que a Xunta de Goberno Local acordou a concesión, de balde e durante tres anos, dunha oficina de 117 metros cadrados situada nos baixos da bancada de Tribuna. Abel Caballero louvou o “gran traballo” da Federación, formada por 123 peñas.

Este mércores, e acompañado pola edil de Patrimonio, Patricia Rodríguez, e o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, o alcalde de Vigo fixo entrega das chaves aos responsables da Federación, que xa o luns poderán ocupar o seu novo local, logo de que a Xunta de Goberno Local aprobara a cesión gratuíta durante tres anos este mesmo mércores.
Abel Caballero puxo en valor que a organización aglutina a 123 peñas celtistas -33 destas radicadas na cidade de Vigo-, que contan con máis de 14.000 asociados. Así, o alcalde valorou que a Federación “mobiliza un número importantísimo de celtismo e de afeccionados ao fútbol”.
A Federación carecía dun espazo ata o momento, segundo explicou Caballero, quen agarda que o novo local municipal, ademais de ser empregado como oficina, sexa “lugar de encontro nos días de fútbol”. “Fan un gran traballo e imos estar apoiándoos nese traballo”, subliñou o rexedor.




