Escoitar

Concello e Nhood asinarán un convenio para a cesión da cuberta do Vialia como praza pública

O alcalde mantivo unha xuntanza cos responsables de Nhood, empresa propietaria do Centro Comercial Vialia na estación de Urzáiz. O convenio terá unha vixencia de 50 anos.

luns, 11 abr 2022
O alcalde e a edil de Urbanismo na xuntanza cos responsables de Nhood España
O alcalde e a edil de Urbanismo na xuntanza cos responsables de Nhood España

Concello e Nhood asinarán un convenio para a cesión da cuberta do Vialia á cidade. Deste xeito, o espazo de 30.000 metros cadrados será un novo espazo público os próximos 50 anos.

Abel Caballero mantivo unha xuntanza co director xeral de Nhood España, Manuel Teba, e o director de patrimonio e desenvolvemento da compañía, Andrés García. Unha vez rematadas as obras e a supervisión municipal, Concello e Nhood asinarán o documento no que ademais da cesión, o consistorio e a empresa pagarán os gastos de mantemento e conservación nun 60% e 40%, respectivamente.

Tamén, ambos analizaron a evolución do Centro Comercial Vialia desde a súa apertura “que vai moi ben e ten unha boa evolución”, declarou o alcalde en rolda de prensa. Para o rexedor Vialia “segue a ser un factor de atracción de xente de fora de Vigo que vén en tren á cidade e móvense polo entorno”.

O alcalde celebrou o convenio “polo nivel importante de afluencia” e destacou a actividade pública que xa se está a levar a cabo no nova praza pública: “parques infantís, zonas de deportes, miradoiros, zona de paseo pola praza... unha gran plaza na cidade de Vigo”, concluíu.

Descargar todas as imaxes