Escoitar

Abel Caballero: “As escolas infantís municipais serán gratuítas ao 100%, na docencia e no comedor”

O alcalde anunciou este mércores a medida, que entrará en vigor no próximo curso. O Concello asume o custo íntegro, incluíndo os servizos complementarios. Ao respecto, Caballero lamentou que “as da Xunta non serán gratuítas” xa que “as familias terán que pagar o comedor”. Vigo adica anualmente 2.338.000 euros ás municipais e abona outros 205.000 euros para as autonómicas.

mércores, 23 mar 2022
Abel Caballero, este mércores en rolda de prensa.
Abel Caballero, este mércores en rolda de prensa.

Actualmente, o 82% das familias con praza nalgunha das nove escolas infantís de titularidade municipal están exentas de pago polos criterios de renda recollidos nas bases do Concello. Desde o curso que vén, a gratuidade será para todas e todos os matriculados, segundo anunciou Caballero en rolda de prensa. O prazo para solicitar unha vacante nas escolas infantís municipais abrirase o próximo martes, 29 de marzo.

“O próximo curso, as escolas infantís municipais de Vigo van ser gratuítas ao 100%, na docencia e no comedor, e pagarao en exclusiva o Concello de Vigo”, afirmou o alcalde, quen fixo fincapé precisamente nos servizos complementarios para os máis pequenos e pequenas, tamén de balde nas do Concello en contraposición ás autonómicas: “As escolas infantís da Xunta o ano que vén non serán gratuítas, as familias terán que pagar o comedor; as do Concello serán gratuítas na súa totalidade”.

O Concello de Vigo adica 2.338.000 euros anuais á xestión das nove escolas para nenos e nenas de cero a tres anos: Atalaia, Bouzas, Mestres Goldar, Saiáns, Navia, Santa Cristina, Santa Marta, Tomás Alonso e Bembrive. Ademais, subliñou Caballero, Vigo transfire “este ano e o que vén 205.000 euros polas escolas infantís da Xunta”, mentres que “a día de hoxe, o Concello de Vigo non recibe nin un céntimo da Xunta de Galicia para as escolas infantís do ano que vén”.

Descargar todas as imaxes