O alcalde inaugura as obras do CEIP Coutada-Beade
O Concello investiu 42.561 euros na reforma da pista deportiva e de xogos, un novo aparcamento e o circuíto viario para bicicletas.
Abel Caballero visitou o CEIP Coutada-Beade para inaugurar a nova pista deportiva e de xogos, o aparcamento, que conta con 25 prazas, e un circuíto viario para bicicletas.
O Concello investiu 42.561 euros nestas melloras das instalacións educativas que cualificou de “obra significativa”. O alcalde lamentou que “a Xunta non faga as obras” e dixo en rolda de prensa que “o Concello ten que cubrir parte das cuestións importantes que tería que facer a Xunta”. Caballero cifrou nun 80% as obras que fai o Concello e que son competencia do goberno autonómico. “A desatención é total. Nin patios nin edificios nin calefaccións nin o illamento térmico...”, expresou. O orzamento municipal destinado a educación para o ano 2022 é de 6,2 millóns de euros.
O rexedor foi recibido polo alumnado para a inauguración das tres zonas. Louvou a profesionalidade dos docentes e a vocación de facer ensino público de calidade e animou aos nenos e nenas a levar unha vida saudable, coa utilización das bicicletas como medio de transporte. Tamén adicou uns minutos a explicarlles a importancia de ter organización para ter tempo de ocio e estudar.