Escoitar

Domingo Villar, a Escola Oficial de Idiomas e a U.D. Santa Mariña, Vigueses Distinguidos 2022

O alcalde deu conta este mércores das tres novas propostas para a concesión dos galardóns, cos que a cidade recoñece a traxectoria literaria de Domingo Villar, o labor educativo da EOI e os 75 anos de traballo da Unión Deportiva Santa Mariña de Cabral.

mércores, 16 mar 2022
O rexedor ofrece declaracións no Salón de Plenos do Concello
O rexedor ofrece declaracións no Salón de Plenos do Concello

Abel Caballero puxo en valor a figura dos tres novos galardoados que recibirán o recoñecemento da cidade na gala que se celebra o vindeiro mércores, 23 de marzo, no Teatro Afundación.

O alcalde anunciou que Domingo Villar será Vigués Distinguido 2022 como “escritor de renome español e europeo”, nacido en Vigo, autor de novela negra, con libros traducidos a varios idiomas. “Ten recibido diferentes premios literarios e agora o Vigués”, apuntou pola súa traxectoria na escrita.

A Escola Oficial de Idiomas de Vigo, que leva impartindo docencia na cidade desde o o curso académico 1988/1989, será Viguesa Distinguida tamén. Nestes momentos imparte formación en nove linguas: alemán, chinés, español para estranxeiros, francés, galego, inglés, italiano, portugués e xaponés, conta con máis de 6.000 alumnos matriculados entre a sede central de Martínez Garrido e as seccións de Coia, Cangas, Nigrán, Ponteareas, Redondela e Tui e, ademais, desenvolve “unha grande actuación no ámbito cultural na cidade”, segundo expuxo o rexedor.

Tamén será Viguesa Distinguida 2022 a Unión Deportiva Santa Mariña de Cabral, que cumpre 75 anos de historia formando centos de xogadoras e xogadores en fútbol. “É un referente en Galicia polo seu traballo e estamos honrados de darlle o premio”, sinalou Caballero, lembrando que, pola canteira do club pasaron Jonathan Pereira, Iago Aspas, Brais Méndez, Rubén Blanco ou Santiago Formoso. “Importan os xogadores de base que teñen pasado polo club”.

Ademais, Abel Caballero tiña revelada xa a concesión do galardón ex aequo os colexios de Vigo que cumpren 50 anos na cidade: Colexio Plurilingüe Don Bosco Salesianas Vigo, CEIP Ría de Vigo, CEIP San Salvador de Teis e CEIP Eduardo Pondal. Recibirá o premio Antón Costas Comesaña, presidente do Consello Económico e Social de España e ex aequo a asociacións: o Centro Cultural e veciñal de Valladares, que cumpre 50 anos, e o Centro Alborada, que celebra o seu corenta aniversario.

 

Descargar todas as imaxes