Vigo distinguirá a Antón Costas, a catro colexios, a Alborada e ao CVC de Valladares
Abel Caballero desvelou este martes os nomes dos primeiros galardoados co Vigués Distinguido deste 2022. O Concello recoñece ao economista Antón Costas, o medio século de vida dos colexios Don Bosco Salesianas, Ría de Vigo, San Salvador de Teis e Eduardo Pondal, e a traxectoria do CVC de Valladares e do centro Alborada.
A gala terá lugar no Teatro García Barbón ás 20 horas do próximo mércores, 23 de marzo, desde as 20 horas, evento no que a cidade concederá os Vigueses Distinguidos deste ano. O alcalde revelou este martes os primeiros nomes propostos para o recoñecemento e, segundo avanzou, “mañá (mércores) seguiremos falando das viguesas e dos vigueses distinguidos”.
“Imos conceder o Vigués Distinguido aos colexios que cumpren cincuenta anos. Xa o fixemos en anos anteriores e seguimos facéndoo”, afirmou Caballero. Se trata desta volta de catro centros: o Colexio Plurilingüe Don Bosco Salesianas, o CEIP Ría de Vigo, o San Salvador de Teis e o Eduardo Pondal. Todos eles recibirán un galardón, entregado ex aequo.
A mesma fórmula compartida empregará o Concello de Vigo para recoñecer as décadas de traxectoria do Centro Veciñal e Cultural de Valladares, que celebra tamén medio século, e do Centro Alborada, con corenta anos de vida.
En terceiro lugar, Abel Caballero eloxiou a figura de Antón Costas, economista e actual presidente do Consello Económico e Social de España, “vigués nacido en Matamá cun gran prestixio na súa cátedra da Universidade de Barcelona” e que presenta “un gran compromiso con esta cidade”.