O Concello abrirá unha nova rúa desde García Barbón ata Isaac Peral
En virtude dun convenio patrimonial e urbanístico acordado con Adif, a entidade cede a Vigo unha parcela en Serafín Avendaño, outra en Callao e outra en Canadelo Alto que permitirán a apertura dunha vía paralela a García Barbón ata o nó de Isaac Peral. “Ten un valor enorme porque nos permite abrir unha rúa digna”, apunta o alcalde.
A Xerencia de Urbanismo aprobou este martes a incoación do expediente para a aprobación de convenio patrimonial e urbanístico entre o Concello de Vigo e Adif, polo que a entidade cede unha parcela en Serafín Avendaño, da súa propiedade, destinada a viario público, outra parcela situada na rúa Callao e outra situada en Canadelo Baixo. O goberno municipal permuta con Adif unha parcela na rúa Aragón en compensación pola de Serafín Avendaño.
O alcalde avanzou que “imos humanizar todo iso, facendo unha nova rúa” desde García Barbón, subindo por Serafín Avendaño, onde estará o ascensor Halo, continuando por Callao e, a través da parcela de Adif onde estaba a traza do antigo ferrocarril de baixada ao Porto de Vigo, conectar con Canadelo Baixo e saír á zona do nó de Isaac Peral. Deste xeito “faremos unha rúa paralela a García Barbón” e ao chegar a Isaac Peral, engade Caballero, enfronte está a rúa Vista Alegre, que permite conectar coa zona dos institutos de Teis “unha forma magnífica de abrir un novo modo de entender a cidade”.
Abel Caballero salientou que o convenio “ten un valor enorme porque nos permite conectar xente que vive desconectada e abrir unha rúa digna, ancha” porque “herdamos un Vigo con rúas que non son rúas”, en referencia a Callao, que non ten saída e que nestes momentos polo seu estado deteriorado non permite, por exemplo, a entrada de ambulancias para as vivendas e isto “no centro de Vigo, ao carón de Vialia”.
O goberno municipal está xa redactando o borrador para acometer a humanización na contorna e “non imos perder tempo, seguimos construíndo a cidade de Vigo, que herdamos como herdamos”.
Segundo explicou o rexedor, o prazo estimado para a firma do convenio é de aproximadamente dous meses. Trala aprobación de hoxe, a proposta de convenio será sometida a información pública durante un mes. Coas alegacións presentadas, elaborarase unha proposta definitiva de convenio, que deberá ser ratificado polo Consello da Xerencia de Urbanismo nos quince días seguintes á notificación da aprobación do texto definitivo polas administracións interesadas.