O alcalde participará na manifestación do 8M “para reclamar integración, unidade do feminismo e igualdade”
A manifestación sairá da Praza de España ás 19:30 horas. Pola mañá, o Pleno acolleu o Consello Municipal da Muller no que interviron 8 asociacións.
Abel Caballero asistirá á manifestación convocada por Galegas 8M polo Día Internacional da Muller que sairá ás 19:30 horas desde Praza España. O alcalde manifestou en rolda de prensa que acudirá “para representar á cidade” e subliñou a importancia “de seguir reclamando o proceso de integración, a unidade do feminismo e a igualdade e de integración da muller ocupando os lugares que lle corresponden como parte tan importante, máis da metade da sociedade no mundo”.
No Pleno celebrouse pola mañá o Consello Municipal da Muller no que interviron 8 asociacións coa lectura de fragmentos de texto de autoras e pensadoras do feminismo: Mulleres Dorna, Mulheres Nacionalistas Galegas, Mulleres e Palabras, Rede de Mulleres Contra os Malos Tratos, Escola de Mulleres Solidarias, Secretaría da Muller de CCOO, Viudas Demócratas e Mulleres en Igualdade.
Caballero manifestou na súa intervención que “o feminismo debe sumar vontades para seguir na busca do espazo colectivo que debe ser ocupado pola metade da poboación”. O alcalde dixo ter consciencia da transformación da igualdade, “aínda que non vai á velocidade que os e as feministas gustaríanos”, declarou.
O rexedor pediu “redobrar esforzos” pola ameaza de grupos políticos que non ocultan a súa posición contra o avance feminista: “Ten que ser a nosa manifestación perenne os 365 días ao ano”.
Caballero chamou á cidade a participar na manifestación ás 19:30 horas: “Volveremos a lembrar o feminismo como forma de revolucionar o mundo”, sentenciou.