Escoitar

Caballero anuncia a incorporación de Vigo á Spain Film Commission

O alcalde, ao remate dunha reunión cos seus responsables, trasladou o interese mostrado por ambas partes en sumar a Vigo Film Office á asociación estatal. Abel Caballero concédelle unha “gran importancia” ás rodaxes na cidade, polo que representa o audiovisual tanto no ámbito cultural como no económico.

luns, 7 mar 2022
Abel Caballero, este luns con Teresa Azcona e Carlos Rosado.
Abel Caballero, este luns con Teresa Azcona e Carlos Rosado.

O presidente da Spain Film Commission, Carlos Rosado, e a directora xeral, Teresa Azcona, visitaron este luns Vigo para entrevistarse co alcalde e tratar a entrada da cidade no ente, a través da Vigo Film Office. En declaracións posteriores, Abel Caballero anunciou a incorporación da urbe polo “gran interese” que esperta para ambas partes.

“Queremos que Vigo apareza como lugar de rodaxes, un lugar atractivo para os filmes e series, e formar parte deste desenvolvemento cultural e económico”, manifestou o alcalde. Segundo explicou, a Spain Film Commission amosou a súa vontade de integrar á urbe “polo efecto e a difusión que ten o que se fai en Vigo”.

A Spain Film Commission, que coordina a oferta española para acoller series e filmes, encargarase de divulgar as cualidades e a capacidade da cidade como “plató magnífico para as rodaxes”, engadiu Caballero, quen anotou que á cidade interésalle pertencer á asociación para dar a coñecer Vigo ás produtoras, realizadoras e axencias do audiovisual, ademais de polo factor turístico. A este respecto, o alcalde asegurou que “o Nadal fixo que Vigo fóra mundialmente coñecida”, mais a través das rodaxes, “reforzaríamos a presenza da cidade” nos circuítos.

Descargar todas as imaxes