O Concello ultima a “remodelación total” do parque infantil García Picher
O alcalde avanzou este luns as actuacións previstas neste parque situado entre as rúas A Coruña e Jacinto Benavente que teñen un orzamento de 2,6 millóns de euros e que inclúe a construción dunha pista de fútbol sala e a mellora do parque canino.

“Crearemos un macroparque infantil de 3.250 metros cadrados”, explicou Abel Caballero, apuntando a “renovación integral e redistribución” do espazo infantil que na actualidade ten 290 metros cadrados” e que experimentará unha “remodelación total”.
Cun orzamento de 2,6 millóns de euros e un prazo de execución de 6 meses, o macroparque infantil García Picher terá xogos inspirados no mundo naval, nos estaleiros e barcos e conta cun gran guindastre de 12 metros de altura, acorde á contorna no que se sitúa, con grandes tobogáns.
O espazo contará con 1.400 metros cadrados de zonas verdes, 630 metros cadrados de zonas de estar e 1.700 metros cadrados con tarima de madeira ecolóxica como pavimento.
O proxecto do Concello prevé a construción dunha pista de fútbol sala, a instalación de dúas pérgolas de formigón e aceiro, que cobren superficies de 300 e 180 metros cadrados con mobiliario colgante de madeira reciclada; a instalación de cargadores de móbiles, varias fontes, bebedoiros para cans, pintado de murais e muros e solo equipado con material de seguridade que reduza o risco en caso de caída.
Amais, o goberno municipal actualizará o parque canino do recinto, o primeiro que se creou na cidade hai 10 anos, que pasará a ter unha superficie de 400 metros cadrados cunha nova área de xogo con túneles, aneis, saltos e un perímetros delimitado
O rexedor adiantou que desde o goberno municipal seguen a traballar na renovación de parques infantís e xuvenís e, ao mesmo tempo, “iremos renovando tódolos parques infantís, renovando e actualizando o material e levando adiante novas construcións de macroparques. Nestes momentos, a cidade conta con 170 parques infantís”.


