O Concello renovará a iluminación do Monte da Guía cun investimento de 395.000 euros
O alcalde explicou este luns en rolda de prensa que o proxecto de mellora da iluminación espera o visto bo de Patrimonio Histórico para poder acometer o reforzo da luz e mellorar a eficiencia enerxética do espazo.
“Queremos facer unha gran obra”, apuntou o rexedor, co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética da iluminación pública do Monte da Guía cun proxecto que incluirá a renovación de 48 puntos de luz na vía de subida ao espazo, que terán máis intensidade que os actuais, e contará con 56 luminarias renovadas na zona do Palco.
O proxecto municipal remitido ao goberno autonómico integra o proxecto de iluminación do Monte da Guía e tamén a iluminación da Capela e a instalación do Cristo que formará parte do conxunto. “Confío en que a Xunta non nos maree e deixe de poñer atrancos
O Concello xa enviou a Patrimonio Histórico da Xunta de Galicia o proxecto para a mellora da iluminación do Monte da Guía, que reúne as mesmas características que o proxecto realizado para o Parque de Castrelos, que conta co máximo nivel de protección BIC “nós iluminamos o Parque de Castrelos que ten o máximo nivel de protección e, agora, para un proxecto igual na Guía con menos nivel de protección din que non. Isto é a xunta poñendo atrancos á cidade. E vaise facer, póñanse como se poñan; pode atrasarse un pouquiño pero vaise facer”.