Vigo licita un contrato de 6,5 millóns para obter electricidade 100% renovable
Aprobado este xoves, o goberno vigués licita o subministro de enerxía ás instalacións municipais para un ano, por importe de 6,5 millóns de euros. Como novidade, segundo puxo en valor o alcalde, a esixencia de que a electricidade proceda de fontes 100% renovables.
“O 100% da enerxía eléctrica consumida no ámbito público de Vigo vai ser verde, todo de orixe renovable. Vigo lidera a utilización de enerxías renovables en toda a iluminación pública, os espazos e edificios públicos dependentes do Concello”, explicou Abel Caballero en rolda de prensa.
A Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de contratación do subministro de enerxía para un ano, previsiblemente desde marzo de 2022 ata febreiro do 2023. Con posibilidade de prórroga por catro meses, o Concello reserva ao efecto un orzamento de 6.562.000 euros e incorpora a obrigatoriedade de que a electricidade proceda de fontes 100% renovables.
Desta forma, desde o ano que vén, todo o subministro que se empregue nos semáforos, no alumeado público, nas instalacións deportivas municipais, nos colexios públicos e nas dependencias do Concello, entre outras, será enerxía renovable. “Non emitiremos nin un gramo de CO2 á atmosfera”, valorou o alcalde.
“Máis de dous millóns de euros que non se ven”
Tamén na orde do día da Xunta de Goberno, Abel Caballero deu conta da aprobación do proxecto de renovación da rede de abastecemento na rúa Rosal Florido e no seu entorno, en Sampaio, para o que o Concello orzamenta máis de 1,2 millóns de euros. A estimación é que as obras duren sete meses.
“Queremos que a rede de abastecemento pase a ser de gran capacidade para poder atender a toda a demanda da zona, para que teñan a presión que temos en toda a cidade de Vigo”, explicou o rexedor, quen engadiu que as novas canalizacións serán un diámetro maior e haberá mallado da rede para mellorar o abastecemento. Os traballos se executarán en Casal de Abaixo, Corta, Casal, Caballeira, Codo, Rosal Florido, Escalinata, Subida a Rosal florido, Langarangana, Cabalaria, Camiño Calexon e Aguidiña.
Por outra banda, o goberno de Vigo validou o proxecto de mellora da estación de bombeo de augas residuais de Bouzas, por importe de 867.000 euros e tres meses de prazo de execución. “É unha obra importante” de renovación do pozo e execución dun bypass para poder facer un mantemento axeitado de la instalación, substitución e instalación de distintas válvulas, impermeabilización dos fosos e instalación dun caudalímetro.
“Acabamos de aprobar máis de dous millóns de euros que non se ven”, indicou Caballero: “Esto é o importante do que está a pasar en Vigo; nas humanizacións e na nosa actuación, o máis importante é que sexa sostible, o subsolo”.
Parque central de Lavadores
Por último, a Xunta de Goberno Local acordou licitar a execución das obras de mellora do parque de Santa Cristina, en Lavadores, logo de que os adxudicatarios da última contratación renunciaran. O Concello dota á obra dun orzamento de 426.000 euros e significará reparar os danos producidos polo lume de 2017 e modernizar o edificio para adaptalo á última normativa.