O goberno municipal inviste 25.000 euros na mellora das instalacións das pistas de Balaídos
Abel Caballero informou este mércores do inicio das obras de reparación “de emerxencia” nos vestiarios e aseos das instalacións das pistas de atletismo, que se prolongarán quince días.
As obras de reparación e mantemento teñen un importe superior aos 25.000 euros cos que se mellorarán os pavimentos, a ventilación e os problemas de condensación así como as deficiencias na rede de abastecemento.
O alcalde explicou que as instalacións son “supramunicipais, utilízanas atletas de toda Galicia, hai competicións de toda Galicia e a Xunta de Galicia non lle dedica un céntimo”, polo que lamentou ter que “empezar a pedir responsabilidades políticas á Xunta, que non fai nada. Quero que nos envíen os 5 millóns de euros que nos deben para estas instalacións”.
Neste sentido, engadiu que o Orzamento Municipal de 2022, que entrará en vigor no mes de xaneiro, contempla “recursos para iniciar a gran obra das instalacións deportivas de Balaídos”, xa que, sabendo que a Xunta non lle vai dedicar recursos, debe asumilo a cidade.
Amais, o rexedor deu conta do investimento municipal en equipamento deportivo ao longo deste ano 2021: un tapiz de ximnasia rítmica, rede de protección de fondos de pista de Balaídos, canastras para o pavillón de Navia, postes de delimitación, postes de voleibol, valos plásticos para eventos deportivos, carros para almacenamento, marcadores para o pavillón de Carballal, Valladares e Coruxo, marcador autónomo para emerxencias e marcadores 24 segundos de baloncesto, marcador para o campo de fútbol de Comesaña... “e estamos a piques de inaugurar un novo pavillón deportivo. Somos a cidade de España que fixo máis pavillóns deportivos”.
O alcalde informou tamén da entrega das bolsas municipais a deportistas de alto nivel de Vigo, que se celebra este mércores no Pavillón das Travesas. 32 deportistas da cidade recibirán a achega municipal, que nalgúns casos acadan os 2500 euros, en modalidades como o judo, tríatlon, natación, tenis adaptado, bádminton, atletismo, squash, atletismo adaptado, xadrez, patinaxe, motociclismo, voley praia e esgrima.