O goberno municipal súmase á campaña de vixilancia do transporte escolar
A Dirección Xeral de Tráfico realiza esta semana unha inspección dos autobuses que levan ao alumnado aos centros educativos e a Policía Local de Vigo participará no control do cumprimento da normativa vixente, segundo informou este martes o alcalde, tanto dos vehículos como do persoal.

Os axentes da Policía Local de Vigo participarán coa Garda Civil na campaña de vixilancia do transporte escolar na cidade, que lanza a Dirección Xeral de Tráfico esta semana e conta coa cooperación do Concello.
Abel Caballero trasladou que a inspección busca constatar que o servizo e os vehículos cumpren coa normativa vixente. Así, os efectivos policiais analizarán se os autobuses contan coas condicións técnicas e os elementos de seguridade esixidos e tamén revisarán que o transporte dispoña dunha persoa responsable de que o alumnado viaxe sentado e acceda e baixe nas paradas con seguridade. Tamén se practicarán os preceptivos controis de drogas e alcol aos condutores.
“É unha campaña para garantir que o transporte escolar se realiza nas condicións axeitadas”, explicou Caballero, quen anotou que o Concello se suma e segue as indicacións da Dirección Xeral de Tráfico na realización das inspeccións ao longo da presente semana.