O Mar de Vigo ofrece deste este sábado 6.000 entradas con descontos de ata o 40%
O Auditorio de Beiramar súmase á celebración do acendido do Nadal e ao Black Friday. Desde este sábado ás 20 horas, haberá billetes dispoñibles para uns corenta espectáculos con rebaixas de entre o 20 e o 40%, en función do evento. O alcalde anunciou ademais seis funcións en marzo do premiado musical Ghost.
Coincidindo co acendido da iluminación do Nadal vigués e coa celebración do Black Friday, o Auditorio Mar de Vigo venderá desde este sábado ás 20 horas 6.000 entradas para uns corenta espectáculos con descontos que oscilan entre o vinte e o corenta por cento.
A oferta estará en vigor ata o próximo sábado, 27 de novembro, incluído, unha semana na que cada un das corenta citas pechadas para os próximos meses no Mar de Vigo terán ata 150 entradas en oferta. Concertos, óperas, ballet, maxia, música clásica, grandes formacións corais e actuacións para público infantil e familiar, un variado abano de opcións aos que se poderá acceder a un prezo bonificado durante sete días.
Así, o público terá descontos de ata un 40% no espectáculo do ilusionista Pedro Volta, previsto para o 7 xaneiro ou no do espectacular coro de voces Alabama Gospel Choir, que terá lugar o 22 de decembro. Varios eventos terán descontos de ata un 30%, entre os que está o musical ‘Antoine’, sobre a historia de Antoine de Saint-Exupéry, o creador do libro ‘El Principito’, que terá catro funcións no Mar de Vigo, o 29 e 30 de decembro e o 1 e 2 de xaneiro.
Máis próximos no tempo están dous espectáculos que terán un 25% de desconto como son a ópera ‘Madama Butterfly’ o domingo 21 de novembro o banda rock Los Zigarros, que actuará no Hall do Mar de Vigo o 4 de decembro.
Outros espectáculos moi agardados en decembro terán un 20% de desconto nas entradas, como son o concerto de Love of Lesbian o 11 de decembro , o espectáculo de maxia cómica do Mago Jandro o 12 de decembro, a actuación de Dulce Pontes o 18 de decembro ou xa para o ano, as actuacións de Sharon Corr o 29 de xaneiro, Nacho Vegas o 12 de febreiro ou Miss Caffeina o 2 de abril, entre outros.
Ghost
En rolda de prensa, Abel Caballero anunciou este venres un novo musical na programación do Mar de Vigo. Ghost chega a Vigo tras dous anos de éxito en Madrid, co aval do premio Broadway World Spain ao mellor musical, e ofrecerá en Vigo seis funcións, entre o 3 e o 6 de marzo. O público poderá mercar entradas cun desconto do 20% entre mañá e o sábado 27 de novembro, mais só para as dúas primeiras representacións.
Ghost é unha produción orixinal dirixida por Federico Bellone, director artístico de espectáculos de recoñecida traxectoria internacional entre os que destacan Mary Poppins, en Italia, de Disney e Cameron Mackintosh. O espectáculo está encabezado por Ricky Merino, no papel de Sam, e a premiada Cristina Llorente como Molly, e cita en escena a un total de dezaoito artistas.