Escoitar

O goberno de Vigo adxudica a prolongación ata Nicaragua das ramplas da Gran Vía

Caballero informou este xoves da adxudicación das obras da segunda fase das cincas mecánicas, desde Venezuela ata Nicaragua, obras que foron licitadas por 4,2 millóns de euros de orzamento. O alcalde indicou que os traballos durarán oito meses e comezarán en xaneiro, concluída a campaña do Nadal.

xoves, 18 nov 2021
Arquivo: as ramplas de Gran Vía reciben un recoñecemento
Arquivo: as ramplas de Gran Vía reciben un recoñecemento

A empresa gañadora do concurso público municipal foi Prace Servizos e Obras por importe de 3.645.818 euros. A Xunta de Goberno Local celebrada este xoves resolveu a adxudicación do contrato de obras, que prolongarán ata a rúa Nicaragua o modelo aplicado ao tramo comprendido entre María Berdiales e a rúa Venezuela, con humanización da Gran Vía e instalacións de cintas mecánicas cubertas no bulevar.

Abel Caballero deu conta este xoves da decisión e recordou que as obras non comezarán ata xaneiro, “para non xerar dificultades no Nadal, etapa de paseo e comercio”. As actuacións a realizar nesta segunda fase comprenden novas redes soterradas de saneamento, abastecemento e pluviais, iluminación e semáforos, beirarrúas de granito, mobiliario urbano, nova sinalización, semáforos, etc. O proxecto recolle que a Gran Vía, unha vez concluída a reforma, presentará pavimentos descontaminantes e un novo xardín botánico, tanto no interior da zona cuberta como no exterior.

Para salvar a pendente, o Concello instalará dúas novas cintas mecánicas: unha desde Venezuela ata Bolivia e a segunda, desde esta última ata á altura da rúa Nicaragua, explicou Caballero. As ramplas contarán cunha cuberta porticada de perfil metálico e acabado de vidro, e incorpora un sistema de aforro enerxético e capacidade para transportar a 7.300 persoas por hora.

Segundo manifestou Caballero en rolda de prensa, o proxecto representa “unha nova forma de mobilidade. Toda a humanización da Gran Vía se caracteriza pola modernidade, por emisións cero, por ausencias de ruído... Un novo modo de entender unha vía de comunicación nunha cidade”.

O orzamento desta segunda fase ascende aos 4,2 millóns de euros, que se engadirán aos 5,5 millóns nos que foi licitada á primeira, o tramo xa en funcionamento. O alcalde anotou que “ademais conectaremos desde a Gran Vía coa Cidade da Xustiza”, na rúa Pizarro, con outro elemento mecánico que proxecta o Concello para a rúa Bolivia.

Descargar todas as imaxes