Vigo aproba os seus orzamentos para 2022, “con débeda cero e conxelación de impostos”
O goberno de Abel Caballero fixo valer este mércores a súa maioría para sacar adiante o orzamento municipal do próximo ano, que ascende a 285,5 millóns e incorpora máis de 40 millóns para investimentos, 22 millóns en Benestar e Igualdade e 12,5 millóns en Deporte. O alcalde: “Uns grandes orzamentos con débeda cero, con conxelación de impostos e taxas”
A Corporación aprobou inicialmente os orzamentos do Concello para o ano próximo, “uns grandes orzamentos con débeda cero, con conxelación de impostos e taxas”, en verbas de Caballero despois da sesión. En rolda de prensa posterior, o alcalde valorou o debate plenario e constatou que “o discurso de cidade é o do goberno” mentres que “a oposición non ten nin un só argumento para votar en contra, fano por razóns políticas”. Para Caballero, “é obviedade que esta cidade vai ben e está progresando, animando a economía e transformando a cidade en todos os aspectos” e o Nadal representará “un inmenso tirón económico”.
O Pleno aprobou inicialmente as contas municipais para 2022 cos votos vinte votos do grupo de goberno, mentres que opuxéronse os sete concelleiros dos partidos da oposición. O concelleiro de Facenda defendeu o orzamento que estará “en vigor” o 1 de xaneiro do próximo ano e recolle 285,5 millóns “para garantir os servizos públicos de calidade que ten o Concello”, que “impulsa o emprego, o comercio, o deporte, a cultura, a seguridade e a protección no noso ecosistema”. Jaime Aneiros defendeu o carácter “expansivo” do documento, con investimentos que superan os corenta millóns de euros, atendendo “a todo Vigo” e sen recorrer ao endebedamento. Esto se engade aos “máis de cen millóns de euros e oitenta proxectos en obras” neste momento. “Estamos mobilizando recursos públicos como nunca se fixo na historia, todo para que Vigo saia fortalecido e se poña á fronte da recuperación económica”, valorou Aneiros.
O concelleiro tamén destacou os máis de 4,5 millóns para emprego recollidos no orzamento e as partidas para accións como o Nadal, O Marisquiño, o Sea Fest ou as conexións aéreas, mais fixo especial fincapé na política social. Aneiros asegurou que a cifra de Benestar e Igualdade supera os 22 millóns, cando a contía ao efecto adicada polo goberno anterior ao de Abel Caballero era de 4,2 millóns. En Benestar, o goberno de Vigo responderá “sen límite orzamentario”, indicou, citando políticas como o Servizo de Axuda no Fogar con 7,7 millóns, a teleasistencia, os fondos contra desafiuzamentos, as axudas directas para pagos de enerxía, vivenda e alimentación, as subvencións aos comedores e as bolsas de comedor escolar, entre outras.
Noutras áreas, Jaime Aneiros explicou que Deporte ten consignados 12,5 millóns de euros e tamén se incrementa o orzamento da área de Cultura. “Este é o orzamento que pide a cidade, garante dos servizos públicos de calidade, un orzamento equilibrado económica e socialmente”, valorou, con “débeda cero” e 29 millóns de euros de transferencias ao sector produtivo.
Debate
Marea e o Partido Popular presentaron sendas emendas á totalidade que foron rexeitadas polo Pleno tras a negativa do grupo socialista, así como as 83 parciais propostas polo edil non adscrito, o nacionalista Xabier Pérez Igrexas.
Na súa intervención, Pérez Igrexas asegurou que o proxecto orzamentario elaborouse “sen diálogo e sen participación de ninguén” e se resume nun “máis do mesmo”, ante o que presentou 83 emendas parciais “en positivo, con afán construtivo” e singularizou as seguintes: incremento ata os tres millóns no plan de emprego, elevar en 1,5 millóns as axudas de vivenda, alimentación e enxería, e construír tres novas escolas infantís e catro bibliotecas municipais.
O voceiro de Marea, Rubén Pérez Correa, afeou un documento elaborado “pensando no retorno electoral”, ao seu xuízo. Denunciou a amortización de trinta e seis prazas no plantel municipal e un gasto social de 64 euros por habitante, un euro inferior ao do ano actual. Pérez Correa demandou do goberno vigués “políticas de vivenda ou de cobertura social” e atender ás demandas do sector cultural “para habilitar liñas de axudas e recuperar servizos como VigoSónico”.
Alfonso Marnotes, polo Partido Popular, asegurou que “os orzamentos son papel mollado, nacen mortos, nacen para non ser executados”. Manifestou que non se executan as partidas e demandou acometer os investimentos e axudas proxectadas e incrementar a política social ata os cen euros por habitante. O edil indicou que existe un “desequilibrio” entre os ingresos que se recadan e os gastos que se trasladan á cidade e valorou o proxecto orzamentario como un “corta pega dun ano para outro”.
O concelleiro de Facenda pechou o debate asegurando que a oposición está “máis preocupada de construír o seu relato que de atender ás necesidades da cidade”, viu “temerario” votar en contra duns orzamentos “de carácter social e reactivadores da economía” que servirán “para facer máis Vigo e mellor Vigo”. Jaime Aneiros afirmou que o texto está “falado cos sectores sociais, cos traballadores e co Consello Social da cidade” e recordou que “boa parte das competencias” en política social, en emprego e en comercio corresponden á Xunta de Galicia.
A este respecto, o edil explicou que o Concello de Vigo baixou impostos e taxas o ano pasado e este, e “dinamizamos o comercio traendo a millóns de persoas á cidade, que consumen e compran”. Aneiros pechou a súa intervención aseverando que os aprobados son “uns bos orzamentos para a cidade, os que Vigo necesita para 2022”.