O Concello amplía ata o 20 de xaneiro a exposición de Colmeiro, Seoane, Picasso e Vertès
A calidade e a boa acollida por parte do público animou ao goberno de Vigo a prorrogala dous meses máis, pasando a formar parte da oferta cultural da cidade para o Nadal. A Casa das Artes reúne case que 200 obras de catro artistas imprescindibles nas correntes de vangarda do século XX, conformando unha mostra “colosal”, en verbas do alcalde.
“Un humanismo moderno. Colmeiro – Seoane – Picasso – Vertès” abriu as súas portas o pasado 21 de outubro na primeira planta da sede municipal de Policarpo Sanz. Ante a categoría da proposta expositiva e a reacción positiva da cidadanía, o alcalde de Vigo anunciou este xoves a ampliación do seu prazo de apertura durante dous meses máis, ata o 20 de xaneiro.
Abel Caballero explicou que esta “colosal” exposición está a ter unha acollida “excepcional”, polo que o Concello que preside vén de decidir prolongar a súa apertura ata o 20 de xaneiro, pasando a incorporarse á campaña de Nadal da cidade: “Quero ofertar este programa cultural”, afirmou.
Elaborado polo Museo do Gravado de Artes á Estampa Dixital de Ribeira xunto ao Concello de Vigo, a exposición aglutina exemplos do traballo gráfico e de ilustración creados por Colmeiro e Seoane no exilio arxentino na década dos anos corenta do pasado século. Ambos, figuras imprescindibles na arte galega, desenvolveron unha estética con resonancias clasicistas que dialoga á perfección coa famosa “Suite Vollard” de Pablo Picasso (un centenar de gravados en distintas técnicas asinados polo xenio malagueño entre setembro de 1930 e xuño de 1936) e coas ilustracións de “Dafnis e Chloé” ideadas en 1954 por Vertès, gravador de orixe húngara afincado en París que, como no caso dos mestres galegos, tamén desenvolveu unha obra con indubidables referencias picassianas.
A selección de obras desta exposición articúlase en torno ao denominador común da estética, mais tamén presenta un fío condutor cívico, do que a mostra toma o seu nome. En distintos puntos xeográficos, os catro artistas coñeceron a experiencia do exilio e compartiron unha visión moderna do humanismo.
“Un humanismo moderno. Colmeiro – Seoane – Picasso – Vertès” ofrece ata o 20 de xaneiro case que dous centenares de obras de catro artistas imprescindibles para comprender as correntes de vangarda do século pasado. A mostra pode ser visitada na Casa das Artes, na rúa Policarpo Sanz 15.