Escoitar

Medioambiente e Cultura, entre as que máis crecen no orzamento do Concello para 2022

Abel Caballero continuou este mércores detallando as contas municipais para o próximo ano, que veñen de ser aprobadas pola Xunta de Goberno Local. Con respecto ao 2021, o capítulo de Medioambiente se eleva nun 18% e Cultura, un 13%. O alcalde tamén subliñou o incremento do 8,5% en Seguridade e Mobilidade.

mércores, 3 nov 2021
Abel Caballero, este mércores en rolda de prensa.
Abel Caballero, este mércores en rolda de prensa.

Vigo presentará o próximo ano o orzamento máis elevado da súa historia, algo máis de 285 millóns de euros. O documento foi aprobado inicialmente este mesmo mércores en sesión extraordinaria da Xunta de Goberno Local, tal e como informou o alcalde, quen confía en obter o visto bo do Pleno antes de que conclúa o presente ano.

En rolda de prensa, Abel Caballero proseguiu coa explicación das principais partidas recollidas no texto e singularizou os incrementos rexistrados nas áreas de Medioambiente (un 18,2% máis que o último orzamento) e de Cultura (un 12,96% máis). Ambas superan os 15 millóns de euros. En Medioambiente, o rexedor destacou a nova partida de 2,1 millóns de euros para a primeira fase da recuperación do sistema de dunas de Samil, os 1,44 millóns para VigoZoo, os case sete millóns de euros para o mantemento dos xardíns e das zonas verdes, os 600.000 euros para vixilancia e asistencia en praias, e dous millóns para mantemento e creación de parques infantís e saudables na cidade.

A política cultural tamén experimenta un notable incremento nas contas do 2022. Os datos ofrecidos polo alcalde sitúan o gasto en Cultura en 15,1 millóns de euros, unha suba do 12,96%. O aumento se explica en partidas como a promoción cultural, as transferencias a entidades e museos con 260.000 euros máis ou novas exposicións, como a que se prepara no MARCO para celebrar o aniversario de Laxeiro, cunha reserva de 125.000 euros. Á seguridade e atención ao público vanse case aos 900.000 euros, a achega ao MARCO se eleva ata os 675.000 euros e a Fundación Laxeiro recibirá 15.000 euros máis ata os 95.000 euros. Ademais, figuran 835.000 euros en subvencións a entidades e eventos culturais e unha nova partida de 600.000 euros para a musealización da fortaleza do Castro. Por último, Caballero salientou dúas cifras que sobresaen: 2,5 millóns para as Festas de Vigo (600.000 euros máis que o exercicio previo) e 420.000 euros para O Marisquiño, un aumento de 100.000 euros.

Investimentos

As áreas de Fomento, Vivenda e Urbanismo reciben un 45% máis de fondos do consignado para 2021, case que na súa totalidade para novos investimentos, con 12,5 millóns máis ao efecto. Caballero detallou algúns: a reforma da fronte da Praza da Igrexa (850.000 euros), conservación e renovación de firmes e viarios (4,6 millóns), a Porta do Sol (4,16 millóns), o novo paseo de Bouzas (2,33 millóns), a Vía Verde (1,86 millóns), o novo ascensor desde García Barbón ata Vía Norte (5,99 millóns), a segunda fase das ramplas da Gran Vía (3,14 millóns) e varias actuacións máis do Vigo Vertical: a unión de Camelias con Hispanidade recibe 958.000 euros, o elevador de Jacinto Benavente con Torrecedeira reserva 900.000 euros e outros 646.000 euros para a conexión entre a Travesía de Vigo e Aragón.

Outras áreas

O alcalde singularizou outros departamentos con especial atención no orzamento municipal para 2022. É o caso da Seguridade e da Mobilidade, que ascende un 8,55% máis ata os 40 millóns de euros, incluíndo unha partida de 1,3 millóns para un novo parque de Bombeiros. A este respecto, e unha vez reformado integramente o de Teis, Caballero asegurou que “cando eu cheguei a este Concello, os bombeiros estaban en dous parques que eran unha cochambre e agora van ter dous que serán os mellores de España”. Ademais, as contas incorporan 12,8 millóns (200.000 euros máis que no 2021) para abaratar as viaxes da cidadanía no transporte urbano da cidade e incluso a gratuidade, no caso dos pensionistas.

Outro significativo aumento se rexistra nas áreas de Comercio e Turismo, que suben un 11,5% ata os 6,6 millóns de euros. Aparecen partidas novas como a primeira anualidade da modernización do Mercado de Teis, con 150.000 euros; sinalización en mupis dixitais, con 250.000 euros; e a web app e contidos dixitais, con 300.000 euros. O Concello consigna ademais 2,3 millóns en promoción turística en destino -o concurso que inclúe voos desde o aeroporto de Vigo- e outros 250.000 euros para continuar coa candidatura das illas Cíes a Patrimonio mundial da Humanidade, que promove a administración presidida por Abel Caballero.

Descargar todas as imaxes