Escoitar

O alcalde anima á cidade a sumarse ao concerto solidario “Vigo con La Palma”

A Coral Casablanca e a Orquestra ofrecerán un recital o 29 de xaneiro de 2022 no teatro Afundación cuxa recadación íntegra será doada aos afectados pola erupción do volcán de La Palma.

mércores, 3 nov 2021
Momento da presentación do recital solidario no Salón de Plenos do Concello
Momento da presentación do recital solidario no Salón de Plenos do Concello

Na presentación do concerto en rolda de prensa, Abel Caballero trasladou a súa felicitación á Fundación Coral Casablanca pola iniciativa: “é unha iniciativa grandiosa e pídolle a todo Vigo que cooperemos” para poder axudar ás familias da illa “ás que enviamos apoio e afecto” e que están atravesando situacións tan complicadas.

Na rolda de prensa Ignacio Pérez Amoedo, presidente da Fundación Coral Casablanca explicou que “Vigo con la Palma” será un “acto de cidade non da coral” para transmitir ·todo o cariño de Vigo” á cidadanía palmeira. Así, habilitarán unha fila cero e van dirixirse a tódalas institucións públicas e privadas da cidade para pedir colaboración na medida das súas posibilidades. Amais, a través da web vigoconlapalma.org irán informando das novidades ou achegas que se vaian realizando.

O rexedor animou á cidade a acudir ao concerto o 29 de xaneiro no teatro Afundación e, aos que non poidan facelo, animounos a cooperar a través da fila cero.

Ignacio Amoedo, acompañado polos vicepresidentes da Fundación Coral Casablanca, Jesús Sáiz e José Carlos Giménez, apuntou a vertente solidaria da Coral nos seus 65 anos de historia, que volve aflorar con esta iniciativa.

Descargar todas as imaxes