Escoitar

O Concello achega 195.000 euros á Asociación de Corais Polifónicas de Vigo

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a subvención nominativa mediante convenio con Acopovi que acolle preto de 40 corais e que realiza unha “actividade cultural e social magnífica”.

venres, 8 out 2021
O rexedor en rolda de prensa
O rexedor en rolda de prensa

O alcalde, que deu conta dos acordos este venres, explicou que o labor da Asociación de Corais Polifónicas de Vigo non se cingue á cultura, o canto ou á polifonía senón que ten tamén unha vertente social porque “para moitas persoas, especialmente mulleres de idade avanzada, é un acto social moi importante e por iso o seguimos apoiando”. Acopovi recibe unha achega municipal de 195.000 euros.

A Xunta de Goberno Local aprobou tamén a subvención directa á Asociación Malembe para o desenvolvemento do proxecto de cooperación internacional “Vigo polo Congo”; un Plan de acción fronte ao Covid-19 no Orfanato Kimbodo por un importe de 10.000 euros. A subvención destínase a un programa educativo de saúde e hixiene para as nenas e nenos que viven en acollida nese Orfanato en Kinshasa, na República do Congo. Beneficiará a 53 nenas e nenos de entre 7 e 14 anos. A achega de Vigo quere paliar o efecto causado pola pandemia na súa escolarización e establecer un marco sanitario que lles ofrezan certas garantías de prevención do contaxio de enfermidades infecciosas como o coronavirus. O centro quere garantirlles un futuro académico e profesional acompañándoos ata que cumpran a maioría de idade.

Amais quedou aprobado o convenio coa Asociación de Novos Empresarios de Vigo e Mancomunidade para axudar ao financiamento dos gastos de alugueiro do seu local social por un importe de 3.600 euros.

Iluminación das fontes de Aragón

O goberno municipal iluminará esta noite as fontes da rúa Aragón de azul turquesa sumándose deste xeito á conmemoración do Día internacional da dislexia.

 


 

Descargar todas as imaxes