Escoitar

A sexta edición do Festival de Cine Inclusivo de Vigo incorpora unha sesión dedicada á igualdade

O edil de Cultura, Abel Losada, participou este venres na presentación dun evento que proxectará a curta de Pedro Almodóvar ‘La voz humana’. Paula Cons estará presentando ‘A Illa das mentiras’, sobre as tres mulleres da illa de Sálvora que salvaron a 48 persoas dun naufraxio.

venres, 8 out 2021
Foto de familia da presentación do Festival, no MARCO de Vigo.
Foto de familia da presentación do Festival, no MARCO de Vigo.

O Festival de Cine Inclusivo de Vigo non deixa de crecer e nesta sexta edición, que terá lugar do 12 ao 16 deste mes, proxectará 54 pezas audiovisuais en tres recintos diferentes: o Auditorio do Concello, os Cines Salesianos e o Museo MARCO. Ademais o evento cinematográfico incorpora tres novas sesións dedicadas á igualdade, á discapacidade e ao público familiar. Todas as proxeccións son de acceso libre ata completar aforo.

Este venres tivo lugar no Museo de Arte Contemporánea de Vigo a presentación do evento, coa participación de Gonzalo Suárez Garayo, director do Festival de Cine Inclusivo de Vigo, Igor de las Heras, director de área de CaixaBank Vigo, Ana Laura Iglesias, concelleira de Vigo e deputada da Deputación de Pontevedra, e Abel Losada, concelleiro de Cultura.

Co obxectivo de fomentar unha sociedade máis inclusiva, o festival incorpora unha sesión de curtametraxes sobre igualdade. Esta sesión terá lugar o sábado 16 no Auditorio do Concello ás 11 da mañá e proxectaranse oito traballos audiovisuais: ‘La voz humana’ de Pedro Almodóvar, ‘Mamá no trabaja’ de María Barragán, ‘Monólogo’ de Pilar García Elegido, ‘Before I die’ de Iker Esteibarlanda, ‘Cigarrillos’ de Rosario Pardo, ‘Dolapo is fine’ de Ethosheia Hylton, ‘The last day of patriachy’ de Olmo Omerzu e ‘La colcha y la madre’ de David Pérez Sañudo. Despois das proxeccións terá lugar a charla AGAG sobre ‘Mulleres reais ficticias: o xénero na nova ficción’, na que participan os guionistas Ángel Manzano e Lidia Fraga. Tamén estará no festival a directora coruñesa Paula Cons, presentando o seu filme ‘A Illa das mentiras’ o venres 15 ás 21.00 h. nos cines Salesianos. O filme narra a historia de tres mulleres que ante o naufraxio dun buque frente a Illa de Sálvora deciden botarse ao mar e conseguen salvar a vida de 48 persoas.

As outras dúas novidades do certame son a incorporación de dúas sesións máis. Por unha parte, o xoves a partir das 17.00 h. no Museo MARCO terá lugar unha sesión específica de curtas arredor da discapacidade, que conta coa particularidade de que as curtas de ficción teñen como protagonistas actores con capacidades diversas. E o sábado ás 11 da mañá tamén no museo MARCO proxectaranse oito curtas dirixidas ao público familiar, para educar aos pequenos na diversidade.A inauguración do festival de cine terá lugar o martes 12 no Auditorio do Concello cunha retrospectiva de Xavier Bermúdez, a quen o certame rende homenaxe por ser o primeiro director español en gravar un filme cun actor protagonista con síndrome de down. O martes proxectaranse ‘León y Olvido’ (2004) e ‘Olvido y León’ (2020) en presencia do propio Bermúdez e da actriz protagonista de ambos filmes Marta Larralde. Como retrata o deseño do cartel desta edición, creado pola artista de Baiona Lula Goce, o festival que coincide en datas co Día Mundial da Saúde Mental (10 de outubre) está dedicado a esta temática. Un tema que é tratado no segundo dos filmes de Bermúdez, cunha Olvido que padece depresión.

Ademais das novas sesións, o festival mantén todas as seccións habituáis: o Short-In Doc de curtametraxes documentais pola inclusión, o Vig-In-Doc de documentais internacionais pola inclusión, a sección oficial de ficción, a sesión de curtas audioescritas e subtituladas e o concurso online de webseries, que xa se poden ver e votar a través da web do festival.

Un dos obxectivos co que naceu o festival é o de achegar o sétimo arte a tódalas persoas, por ese motivo varias das sesións do festival son audioescritas e subtítuladas para facelas accesibles as persoas con xordera ou ceguera. Na sesión de curtas audioescritas e subtituladas destaca a proxección de ‘Feeling through’ de Doug Rolland. Este filme, nominado aos premios Oscar, foi o primeiro en estar protagonizado por un actor con ceguera e xordera. A proxección terá lugar o sábado 16 pola tarde no Auditorio do Concello.

A Asociación Galega Audiovisual Inclusiva (AGAIN) organiza o VI Festival Internacional de Cine Inclusivo de Vigo, co obxectivo de dar a coñecer, apoiar e valorar proxectos cinematográficos realizados por e para a inclusión, a igualdade e a difusión universal da sétima arte. O festival non sería posible sen o patrocinio e colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), da Deputación de Pontevedra, do Concello de Vigo e de Fundación La Caixa.

Foto de familia da presentación do Festival, no MARCO de Vigo.
Descargar todas as imaxes