O goberno de Vigo decreta a gratuidade do segundo fillo nas escolas infantís municipais
Os segundos fillos están exentos de pago nas escolas infantís municipais tanto na escolarización, como no servizo de comedor. Así o avanzou esta mañá o rexedor nunha intervención na que asegurou, ademais, que o 60% dos alumnos matriculados xa gozan de total gratuidade por razóns de renda.

Abel Caballero anunciou esta mañá que os segundos fillos están exentos de pago nas escolas infantís desde este mesmo curso. Segundo explicou en rolda de prensa, o Concello xa exime de pago ao 60% dos matriculados, é dicir, a 195 alumnos dun total de 335, por motivos de renda. Respecto dos segundos irmáns, son 120 nenos e nenas os que están nesta situación, dos que 61 xa estaban eximidos de pago por cuestións baixa renda polo que son 59 os que se van beneficiar desta novidade.
O Concello reclamará á Xunta que asuma estas rebaixas de prezos -que no caso das escolas infantís supoñen gratuidade total na escolarización e no comedor, non como ocurre nas instalacións autonómicas nas que a exención non inclúe o servizo de alimentación-. De todos os xeitos, o alcalde puntualizou que será a administración local a que asuma o custo destes 59 nenos se a Xunta de Galicia decide “tratar a Vigo como ao resto de Galicia onde se pagan o segundo fillo”.