Escoitar

O alcalde destaca que o automóbil conectado “é o presente e o ineludible futuro da automoción”

Abel Caballero participou no cumio do proxecto ARTUS convocado polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo no Auditorio Mar de Vigo, no que participaron comunidades autónomas, concellos, Consorcios das Zonas Francas de Vigo e Barcelona, Deputación de Pontevedra, a DXT e as empresas interesadas en participar no proxecto liderado por Cellnex Telecom.

mércores, 22 set 2021
Foto de familia do cumio
Foto de familia do cumio

Na súa intervención, o rexedor asegurou que “o PERTE (Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica do Vehículo Eléctrico e Conectado) adquiriu moito corpo na reunión que se celebrou hoxe. Foi un encontro no que se viu que o automóbil conectado é absolutamente fundamental, xa que é o presente e vai ser o ineludible futuro da automoción. É imprescindible estar nel, é unha forma de ancorar o automóbil na cidade de Vigo, de facer que a industria da automoción ,que xera tantos empregos en Vigo se afiance no territorio. A participación de Vigo no PERTE do automóbil conectado é ancorarnos no futuro e asegurar a automoción na cidade”.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, sinalou que “esta é a primeira reunión na que participan administracións públicas e sector privado e estou moi orgullosa de que Vigo sexa protagonista dun dos PERTE máis importantes que se van poñer en marcha no noso país”. Neste contexto, a presidenta da Deputación salientou “o papel crave de Vigo” destacando que “se por algo se caracteriza a cidade é por ser o motor económico de Galicia, un dos grandes referentes da industria do automóbil na península”. “Agora -subliñou- é o momento de seguir avanzando nesta posición estratéxica, de seguir xerando oportunidades e emprego, situándonos como un dos grandes puntais do proxecto ARTUS, Constelación de laboratorios para a mobilidade conectada, que baseado na sostibilidade, na seguridade, na transformación dixital e centrado nas persoas, marcará o futuro da mobilidade”.

O delegado especial do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, destacou que “para o Consorcio da Zona Franca de Vigo é clave estar neste proxecto e organizar este encontro, pola importancia que ten para o tecido industrial da automoción, un sector estratéxico para Vigo e para Galicia. ARTUS permitirá a esta área liderar o deseño e desenvolvemento de elementos de conectividade e infraestruturas necesarias para o vehículo conectado. Vigo colócase así á vangarda”.

O director de ARTUS en Cellnex Telecom, Fernando Brea, destacou que “o proxecto ARTUS creará unha rede de laboratorios de mobilidade que serán clave no desenvolvemento das futuras infraestruturas viarias de telecomunicacións, base para a mobilidade conectada. Cellnex Telecom lidera este proxecto co obxectivo de desenvolver as tecnoloxías necesarias para o despregamento destas infraestruturas de forma coordinada co sector da automoción e a mobilidade”.

A de Vigo é a primeira reunión de coordinación das entidades públicas, que achegarán as infraestruturas ao proxecto ARTUS, coas empresas privadas interesadas en desenvolver o proxecto. Ao encontro asistiron as empresas que manifestaron interese en participar e coñecer o proxecto de vehículo conectado, que se enmarca no Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica do Vehículo Eléctrico e Conectado (PERTE VEC), cuxa memoria foi aprobada polo Consello de Ministros o pasado 13 de xullo e que será financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Participaron as 15 administracións convocadas por Mincotur: a Generalitat de Catalunya, a Generalitat Valenciana, o Gobierno de Aragón, a Junta de Castilla y León e a Xunta de Galicia/Igape, Concellos de Castellolí, Zaragoza, Valladolid e Vigo, a Deputación de Pontevedra, así como os Consorcios da Zona Franca de Barcelona e a Zona Franca de Vigo e o Porto de Alacante. A elas uniuse tamén, a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) e o Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe), ambas as entidades cun papel estratéxico pola importancia da seguridade viaria e a ciberseguridade, como factores críticos do proxecto.

Ademais, participaron as 21 empresas e entidades do consorcio privado que lidera Cellnex Telecom, co apoio de Grant Thornton: Renault, Cegasa, Anfac, Sernauto, Fundación Ibercaja, Fundación ONCE, CTAG, Idiada, CTTC, BSC- CNS, IThinkUPC, Parcmotor Castellolí, Enide Solutions, Optar 5 G, Nearby Computing, Madcoms Networks, Eurocybcar, Project, S2 Grupo. Finalmente, contouse coa presenza do Grupo Stellantis, Seat, Gestamp, ZF_ Dalphi Metal, Magna Seating, Borgwarner Emission Systems Agrupación industrial de Automoción de Galicia (Ceaga) e Asime (Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia).

O Proxecto ARTUS, Constelación de Laboratorios para a Mobilidade Conectada ten como obxectivo deseñar, probar e homologar tecnoloxías de futuro nos Laboratorios de Probas que se construirán para ese efecto, creando nun futuro un Centro de Certificación e Homologación. Zona Franca e CTAG achegan o proxecto Atlantrack, un centro de validación de vehículos eléctricos e autónomos. Os proxectos do programa Next Generation da UE deben enmarcarse nun modelo de colaboración público-privada. Neste sentido, Cellnex Telecom e Grant Thornton están a coordinar o consorcio privado ARTUS que agrupa o coñecemento, tanto tecnolóxico como de negocio, da mobilidade conectada, autónoma, sostible e segura en España.

O proxecto persegue a mellora da competitividade do produto a través da transformación dixital das organizacións, a atracción do mellor talento nacional e internacional, o desenvolvemento da I+D+i que axude a fortalecer o liderado tecnolóxico necesario e a madurez da conectividade. O obxectivo pasa por abordar o concepto de vehículo conectado (V2X) en todos os seus escenarios posibles: o vehículo conectado a outros vehículos, á infraestrutura, á contorna, á cidade, de maneira que se ofrezan novas oportunidades ao sector da automoción en España e outros sectores industriais, co despregamento dun novo modelo económico.

O director xeral de Industria do Mincotur, Galo Gutiérrez, salientou que “un obxectivo estratéxico do PERTE é impulsar iniciativas que fan confluír os esforzos públicos e privados na transformación da cadea de valor industrial do sector da automoción, pasando a unha cadea de valor máis complexa na que participarán outros sectores, entre eles: servizos enerxéticos, da tecnoloxía asociada á conectividade e autonomía, da mobilidade como servizo, dos desenvolvedores de infraestruturas para a conectividade ou dos intervenientes nas novas formas de distribución e uso, entre outros”.

Foto de familia do cumio
Descargar todas as imaxes