O goberno municipal apoia o ciclo de outono da Orquestra Clásica de Vigo
Baixo o lema “Concertos Malditos” desenvólvese un ciclo conformado por tres recitais, que se inicia este domingo, 26 de setembro no Auditorio Municipal. Coa programación de outono a Orquestra Clásica retoma os recitais nas salas de concertos logo das cancelacións obrigadas pola pandemia.
O Ciclo de outono foi presentado esta mañá por Abel Losada, o concelleiro de Cultura, que comprometeu o apoio municipal a este ciclo e ao traballo da Orquestra Clásica de Vigo que é “un elemento estratéxico do panorama musical e cultural da cidade”. Referiuse ao sector da cultura como “especialmente afectado pola pandemia polo que é máis importante se cabe o apoio da administración pública”.
Na presentación participaron tamén Manuel Martínez, director artístico e Manuel Martínez, director técnico da Orquestra que explicou que os Concertos Malditos é “homenaxe a tódalas programacións que ao longo de 2020 e 2021 non puideron ser, a eses concertos que parece que están malditos porque ata o momento foi imposible programalos” co desexo de que se poidan volver facer con normalidade e “volver conectar co público en salas de concertos”.
Este domingo, 26 de setembro, comeza a temporada de outono co concerto Maldita Percusión, ás 20:00 horas do serán no Auditorio Municipal do Concello. A segunda cita será o 23 de outubro, Maldito Beethoven con Severino Ortiz ao piano, ás 20:30 horas no Teatro Afundación. O ciclo péchase o 28 de decembro co Maldito Concerto de Nadal, no Teatro Afundación ás 20:30 horas, co concerto para piano de Edward Grieg interpretado por Berta Fresco.