Escoitar

O alcalde salienta o “traballo excepcional” da hostalería e dos hoteis da cidade

Abel Caballero puxo en valor os datos de ocupación hoteleira da última fin de semana de setembro que chegaron ao 80% e que se suman aos bos números acadados no mes de agosto, polo que apunta que “Vigo é un gran destino turístico moi apreciado e valorado”.

martes, 21 set 2021

“Temos que sentirnos satisfeitos con estes datos”, apuntou o rexedor en rolda de prensa este martes, ao explicar que durante a pasada fin de semana, do 18 e 19 de setembro, a cidade alcanzou un 79,9% de ocupación hoteleira. Na fin de semana do 3 ao 5 de setembro chegou ao 85% e entre o 10 e o 12 de setembro situouse no 75,2%. Referiuse tamén ás cifras rexistradas no mes de agosto, no que a ocupación media en Vigo foi do 89,2%, ascendendo ao 91% durante as fins de semana.

Caballero trasladou a súa felicitación “á cidade, á hostalería e aos hoteis que fan un traballo excepcional” e destacou que Vigo está nestes momentos “nas grandes cidades turísticas de España sendo unha das cidades máis visitadas, un gran destino turístico moi apreciado e valorado e gañámolo sen apoio de ninguén”, dado que a Xunta de Galicia “non fixo nin un só anuncio da cidade de Vigo e o resultado turístico é excepcional; e debémolo a nós mesmos”, enfatizou.

 

Descargar todas as imaxes