Escoitar

O goberno de Vigo licita os traballos para sumar 15 novas medianeiras de arte urbano

O Concello lanza o contrato por 243.000 euros e xa seleccionou os espazos que acollerán novas obras de arte na rúa. O alcalde recordou este xoves que o programa municipal, que conta xa con 133 murais, se complementa con actividades culturais ata case medio millón de euros.

xoves, 29 abr 2021
A Fundación IgualArte foi unha das sedes da edición do 2020. Abel Caballero e Carmela Silva, durante unha visita o ano pasado
A Fundación IgualArte foi unha das sedes da edición do 2020. Abel Caballero e Carmela Silva, durante unha visita o ano pasado

O Concello lanza a sétima edición do seu programa “Vigo, cidade de cor” e licita as obras por 243.000 euros, para transformar quince novas medianeiras da cidade en arte urbana. Os emprazamentos elixidos ao efecto son os seguintes: Rúa José Fiaño Señor 12, Travesía de Vigo 85, Paulino Freire 1, Mestre Chané 9, Beiramar 115, Pablo Iglesias 20, CEIP Emilia Pardo Bazán, Avenida Balaídos 31, o muro da urbanización Sotavento (Paseo de Bouzas), o pavillón do Carballal, IES O Castro, as escaleiras de Quintela/Castelao, o muro do CEIP Mestres Goldar, as escaleiras da Seara e as da Avenida de Hispanidade.

“En consecuencia, quince novos espazos con arte urbano de excepcional importancia. Estamos recuperando zonas enteiras da cidade a través deste mecanismo”, explicou Abel Caballero en rolda de prensa, quen recordou que a proposta municipal inclúe unha acción cultural complementaria que eleva o conxunto da actuación aos case medio millóns de euros. Vigo dispón actualmente 133 creacións artísticas ao aire libre: “Somos das cidades de Europa con máis nivel, máis calidade e máis número de pinturas na rúa”, asegurou o alcalde.

Camaleón

A Xunta de Goberno Local celebrada este xoves tamén deu luz verde ao expediente de contratación das obras de demolición da antiga cafetería “Camaleón”, en Samil, que presenta un orzamento de 139.000 euros. O Concello de Vigo, trasladou Caballero, explicou que a licitación pública sae cun prazo máximo de catro meses de obras, “pero imos urxir para que se faga o antes posible, porque quero ter derrubado o Camaleón cando empece a tempada de verán, e alí ten que haber unha zona verde”.

Convenios

O alcalde deu conta de dous convenios aprobados tamén este xoves, de apoio á Universidade de Vigo e a APAMP. No primeiro caso, o Concello achega 10.000 ao ente universitario vigués para levar adiante a terceira edición do Foro de Emprego da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, “para que as e os universitarios de Vigo fagan os seus contactos con empresarios para a súa dinámica de xeración de emprego”, competencia da Xunta de Galicia, segundo manifestou Caballero.

En segundo lugar, a Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral (APAMP) recibe 24.500 euros das arcas municipais para desenvolver a súa ludoteca de integración, un programa de dinamización infantil e xuvenil de “respiro familiar” que celebran na súa sede da rúa Sagunto. O alcalde engadiu amais que o Concello que dirixe mantén convenios de colaboración para o funcionamento as ludotecas de Lavadores e de Coruxo.

Descargar todas as imaxes