Escoitar

O goberno municipal incorpora dúas rutas arquitectónicas á app VIGO

As rutas “Vigo señorial” e “Vigo antigo” estarán dispoñibles dende hoxe na aplicación do Concello para tódolos usuarios que queiran coñecer parte da riqueza arquitectónica da cidade. O alcalde avanza que están en proceso de preparación tres novas rutas polas medianeiras da urbe.

xoves, 29 abr 2021

Abel Caballero informou este xoves da integración de dúas novas propostas turísticas á app Vigo polo que, nestes momento, hai 24 rutas dispoñibles.

A nova ruta Vigo Señorial achega ao usuario ao “Vigo renovador, á arquitectura do Vigo de finais do século XIX e comezos do século XX. Un marabilloso conglomerado da arquitectura da cidade” ofrecendo un paseo con 36 puntos de interese entre os que se atopan a casa de Pedro Román, Casa Ledo, Porta do Sol, Edificio Simeón, Hotel Moderno, Teatro García Barbón, Casa das Artes, Escola de Artes e Oficios, Casa Odriozola ou o Hotel Universal.

A ruta de arquitectura Vigo Antigo ofrece un paseo pola zona histórica da cidade con 17 puntos de interese que comezan nos restos da muralla da cidade, pasan por Praza Princesa, Porta do Sol, Paseo de Alfonso, O Berbés ou rúa Real, entre outros, para rematar na Praza Constitución e na Concatedral.

 


Abel Caballero adiantou que o Concello está traballando en tres novas rutas para sumar á aplicación Vigo sobre os murais do programa municipal de medianeiras “Vigo cidade de cor”. Ademais, hai outras 22 rutas turísticas dispoñibles para coñecer diferentes espazos da cidade desde o Cemiterio de Pereiró ata os sendeiros azuis e locais, os paseos literarios ou as rutas-xincanas con preguntas e datos curiosos da cidade.