O proxecto de Vialia, premio estatal á mellor iniciativa de rexeneración urbana
O alcalde valorou este xoves o galardón concedido, que ten como núcleo central a estación de Urzáiz deseñada por Thom Mayne, mais tamén distingue a transformación do entorno: a terminal de autobuses, os novos accesos en túnel, a Vía Verde, o ascensor desde García Barbón e a nova Praza da Estación. O galardón “volve colocar a Vigo nun lugar prominente no recoñecemento internacional”.
“Estou encantado de saber da concesión dun premio tan importante como o ASPRIMA-SIMA”, sinalou Abel Caballero en rolda de prensa, despois de que a entidade fallase a décimo oitava edición dos seus galardóns -os de maior prestixio do sector inmobiliario español-. A distinción á “Mellor iniciativa de rexeneración urbana” recaeu no centro Vialia de Vigo.
Para o alcalde, a acción “nuclear” é a terminal do AVE de Urzáiz e o deseño do arquitecto estadounidense Thom Mayne, mais o premio recoñece “un conxunto de actuacións” do entorno urbano, como a Vía Verde, o ascensor HALO desde García Barbón á Vía Norte, a nova Praza da Estación (coa recuperación da fachada da histórica terminal ferroviaria), as entradas e saídas en túnel e a terminal de autobuses.
“Estou encantado porque levo doce anos pelexando pola estación de Vialia de Alta Velocidade e hoxe é case unha realidade, e polo conxunto do premio, porque unha parte moi importante ten que ver con obras municipais”, manifestou Caballero: “Unha satisfacción total por este premio, que volve a colocar á cidade de Vigo nun lugar prominente no recoñecemento internacional do que está a suceder na cidade”.