Escoitar

A Corporación aproba de forma definitiva a Ordenanza Municipal de praias

O Pleno do Concello deu este mércores luz verde á nova Ordenanza reguladora do uso e goce dos areais do termo municipal de Vigo co voto favorable do grupo socialista e a abstenciónsdos grupos popular e mixto e do concelleiro non adscrito.

mércores, 28 abr 2021

A concelleira de Medio Ambiente, Nuria Rodríguez, expuxo na sesión plenaria que a prioridade da ordenanza é manter os areais nas máximas condicións de limpeza, hixiene e seguridade; vixiar o cumprimento das normas do Estado sobre salvamento e seguridade e explotar coa máxima calidade os servizos de praia, no marco das competencias municipais sobre esta materia que se restrinxen á "salubridade e seguridade". A ordenanza inclúe a "decisión pioneira de prohibir fumar na praia" co fin de promover unha vida saudable aínda que a administración local "non teñamos poder de sanción".

A edil destacou o investimento municipal en material de salvamento e socorrismo, sendo Vigo a "única cidade de Galicia que fixo o esforzo de ampliar o servizo fóra de temporada" de verán e o "éxito" do servizo de atención ao baño das persoas con dificultade para acceder ás augas, engadindo a importancia de que as praias máis concorridas dispoñan de transporte medicalizado e que os areais vigueses conten con máis de 50 persoas conformando o servizo de socorrismo e salvamento, aos que se suman os efectivos de Policía Local e Protección Civil.

O concelleiro non adscrito, Xabier Pérez Igrexas criticou que o goberno municipal rexeitara a "a totalidade de emendas" presentadas á ordenanza e que soamente se declaren A Foz e Calzoa como praias aptas para animais. Nesta liña, Rubén Pérez Correa, voceiro do grupo mixto apuntou que os areais elixidos para cans son áreas de descanso de aves migratorias, incompatibles con normativas europeas e cualificou de "ambientalmente precaria" a ordenanza para a que "non se escoitou a ninguén". O edil popular Jesús Marco censurou a falta de claridade da ordenanza respecto á imposición de sancións e a insuficiencia de persoal da Policía para cubrir os plareais de Vigo.

 

Descargar todas as imaxes