Escoitar

O Concello abonou as súas facturas en oito días no primeiro trimestre do ano

O concelleiro de Facenda deu conta do informe trimestral na sesión plenaria deste mércores. Jaime Aneiros afirmou que a media dos entes locais en España ascende a 83 días e recordou que o prazo ascendía a case tres meses antes da chegada de Abel Caballero á Alcaldía.

mércores, 28 abr 2021

O Concello de Vigo superou os 24 millóns de euros pagados nos tres primeiros meses do ano, facéndoo en oito días de media. É o principal dato trasladado este mércores ante o Pleno polo concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, quen deu conta do informe trimestral de Tesourería sobre o cumprimento dos prazos para o pago das obrigas previstas nas leis.

Mentres Vigo desembolsa “no entorno dunha semana”, as comunidades autónomas tardan de media 29 días e as entidades locais, 83. O concelleiro de Facenda ofreceu algúns datos de febreiro en urbes españolas: 20 días en Madrid, 16 días en Barcelona, 24 días en Valencia, 32 días en Sevilla, 35 días en Zaragoza, 29 días en Málaga, 38 días en Palma ou 121 días en Las Palmas.

Aneiros explicou que, antes da toma do posesión de Abel Caballero, os períodos eran “moito maiores, de case tres meses” e o Concello mantiña un pasivo superior aos 60 millóns de euros: “Este goberno foi quen de deixar a débeda a cero e facer un pronto pago aos provedores”. O edil argumentou que a celeridade no abono das facturas axuda á economía, á eliminación das tensións de tesourería nas empresas e ao mantemento do emprego.

Debate

Os voceiros dos distintos grupos municipais valoraron o dato. O concelleiro Xabier Pérez Igrexas destacou que é “innegable que o feito de que o Concello sexa evidentemente áxil é unha boa nova, non temos reparos en recoñecer esa boa xestión e felicitar aos servizos municipais por facelo posible”, mais denunciou unha “estrutural inexecución orzamentaria”. Rubén Pérez Correa, pola súa banda, manifestou que “a comparativa está ben, sempre é necesaria”, demandou abordar o financiamento local porque “outras administracións están asfixiando aos concellos” e mellorar o Portal de Transparencia para ampliar a información sobre as facturas. Alfonso Marnotes afirmou que “como non vai pagar ben o Concello” cando ten 120 millóns “na caixa” e abondou nunha execución orzamentaria “esborrallada completamente” neste primeiro trimestre, ao seu xuízo.

Ao respecto da cuestión orzamentaria, o concelleiro de Facenda asegurou que “temos o orzamento en execución”, recordou que se abonaron xa 24 millóns de euros nos tres primeiros meses e outros 2,8 máis nos primeiros días de abril e explicou que o Concello vén de incorporar outros 36 millóns de euros máis dos remanentes municipais para un “paquete extraordinario de investimentos”. Aneiros engadiu que na penúltima sesión da Xunta de Goberno Local se aprobaron “trinta rúas para humanizar” e concluíu: “Este é o goberno que está transformando a cidade”.