Escoitar

O Concello inviste 2,2 millóns de euros na humanización de García Barbón, entre Rosalía de Castro e Isaac Peral

A Xunta de Goberno Local vén de adxudicar a contratación das obras do proxecto de humanización da rúa, que ten un prazo de execución de oito meses e que supoñerá unha renovación completa. Aprobou tamén indemnizacións por máis de 263.000 euros pola suspensión de contratos motivada pola situación de pandemia.

xoves, 8 abr 2021

O alcalde deu conta da aprobación en rolda de prensa e cualificou a humanización de “altísimo nivel” coa renovación de canalizacións, pavimentación, xardinería, alumeado, mobiliario ou semáforos. O orzamento da obra suma case 2,2 millóns de euros coa previsión de que estea rematada en oito meses.

Así, o total do importe investido polo goberno municipal na humanización de García Barbón ascende a 6,7 millóns de euros, quedando pendente o tramo que discorre entre Isaac Peral e Sanjurjo Badía.

Con todo, o rexedor responsabilizou á Xunta de Galicia do adiamento das obras “por razóns políticas”, xa que foi licitada en 2019 e debera estar rematada pero o goberno autonómico cuestionou o traslado do conxunto escultórico da rotonda de Isaac Peral, polo que foi preciso reformular o proxecto.

Indemnizacións Covid-19

A Xunta de Goberno Local aprobou tamén este xoves a indemnización de danos e perdas a consecuencia da suspensión da execución do contrato dos servizos técnicos e docentes para as piscinas cubertas de Travesas, Lavadores, Teis e Valladares e dos servizos para impartir ensinanzas e actividades deportivas nos ximnasios e instalacións dependentes da concellería de Deporte por un importe de 78.548 euros. O goberno municipal xa indemnizara con 152.556 euros á empresa concesionaria pola paralización da actividade no período que comprende desde o 14 de marzo ao 15 de xuño de 2020 polo que suma un total de 231.104 euros.

Amais, quedou aprobada a indemnización polos danos e perdas causados como consecuencia da suspensión da execución dos lotes 1 e 2 do contrato de xestión das Escolas Infantís Municipais de Tomás Alonso e Bouzas, desde o 16 de marzo ao 16 de xullo de 2020, por un importe total de 32.600 euros.

 

 

 

Descargar todas as imaxes